12 octubre, 2025
Kenneth Weiss rende homenaxe a Wanda Landowska cun recital no que recrea o programa da histórica gravación, que a clavecinista de orixe polaco realizou para RCA, editada en 1957. Preludios, fantasías, fugas, sonatas, arias, rondós, zarabandas, minuetos e outras danzas de Bach, Haendel, Domenico Scarlatti ou Purcell, dos franceses Couperin, Rameau ou Chambonnieres, ademais de Mozart, conforman unha antoloxía que, dalgún xeito, ilustra sinteticamente unha carreira admirable e propicia un achegamento a unha das máis apaixonantes figuras da música do século XX. A Treasury of Harpsichord Music (Un tesouro da música para clave) é memoria histórica dunha intérprete lendaria; dunha muller adiantada ao seu tempo, visionaria pioneira que dedicou a súa vida á recuperación e difusión da música para clavecín, da música antiga; unha muller coa que, sen dúbida, está en débeda toda a frutífera, e xa imparable, corrente historicista de recuperación e reinterpretación das músicas antigas, do Barroco, e incluso de períodos posteriores da historia da música, que tantas satisfaccións e momentos de felicidade musical proporciona hai xa máis de cinco décadas a afeccionados e públicos de todo o mundo. Dous anos despois dun serán memorable cun recital de imborrable recordo no que interpretou A Arte da Fuga, obra mestra de Johann Sebastian Bach, Kenneth Weiss regresa ao Festival Ateneo Barroco e a Santiago de Compostela. Nado en New York, sensible artista e comprometido intérprete, Kenneth Weiss é un reputado clavecinista que reparte o seu tempo entre os recitais, a música de cámara, o ensino (actualmente catedrático no Conservatorio Nacional Superior de Música de París) e a dirección orquestral e operística. Como solista, é invitado regularmente aos máis prestixiosos escenarios e festivais do mundo e as súas aclamadas gravacións de Bach, Scarlatti ou Rameau recibiron merecidos galardóns.
PROGRAMA
Johann Sebastian Bach (1685-1759)
Preludio, Fuga e Allegro en Mi bemol Maior BWV 998
Fantasía en do menor BWV 906
Domenico Scarlatti (1865-1757)
Sonata en si menor K 87
Sonata en Re Maior K 96
Jacques Champion de Chambonnieres (1602?-1672)
Sarabande en re menor
Jean-Philippe Rameau (1683-1764)
La Dauphine
François Couperin (1668-1733)
Les Barricades Mystérieuses
L’Arlequine
Henry Purcell (1658-1695)
Ground en do menor
Anónimo (Virginal Book de Elizabeth Rogers)
The Nightingale
Georg Friedrich Haendel (1685-1759)
Air e Double en Mi Maior (de The Harmonious Blacksmith)
Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)
Rondó en Re Maior K 485
Rondó alla turca (de Sonata para piano en La Maior K 331)
Menuet en Re Maior K 355
Johann Sebastian Bach / Antonio Vivaldi
Concerto en Re Maior BWV 972
Larghetto, Allegro
UN TESOURO DA MÚSICA PARA CLAVE
Esta variada selección de autores e obras para teclado de variados estilos e épocas supón a recreación do repertorio da histórica gravación A Treasury of Harpsichord Music (Un tesouro da música para clave), que en 1957, hai case 70 anos, realizou Wanda Landowska e editou RCA. Kenneth Weiss, sobre a traxectoria de Landowska, sostén: “Cando era unha nena prodixio de dez anos, Wanda Landowska visitou a Exposición Universal de 1889 en París, onde probablemente viu o seu primeiro clavecín. Os principais construtores de pianos franceses na época, Erard e Pleyel, construíron clavecíns especialmente para este evento, que conmemoraba o centenario da toma da Bastilla. Quizais fora nese momento cando o seu moi temperá interese pola música de Johann Sebastian Bach e o descubrimento do instrumento para o que escribiu a súa música se uniron para encamiñala cara a unha traxectoria decisiva e pioneira: revivir o clave e o seu repertorio de tesouros descoñecidos”.
Wanda Landowska deixa claro nos seus escritos e entrevistas que sentía a necesidade de loitar infatigablemente pola aceptación do instrumento, o clavecín, e defender a calidade do seu repertorio. Aínda que hoxe nos pareza inconcibible, tivo que enfrontarse á concepción xeneralizada a principios do século XX de que a música, como a ciencia, progresaba e a súa calidade melloraba co paso do tempo. Wanda Landowska cuestionou o pensamento establecido e demostrou que a natureza cualitativa da música (e da arte) non ten relación algunha co progreso. O seu logro foi extraordinario e a súa influencia no renacemento mundial do interese pola música antiga é asombrosa. Como profesora e musicóloga, instruíu tanto aos seus discípulos como aos seus prestixiosos colaboradores nos coñecementos estilísticos necesarios para acceder a este repertorio, que era totalmente descoñecido nese momento. Como intérprete, foi, quizais, a solista de clave máis celebrada da primeira metade do século XX; cunha personalidade musical intrépida, decidida e electrizante, Wanda Landowska cativaba a públicos cada vez máis amplos.
Formada como pianista na súa Varsovia natal e en Berlín na tradición dos grandes compositores para piano (Chopin, Schumann, Beethoven…), Wanda Landowska (1877-1959) axiña asumiu a importancia de interpretar as obras dos grandes mestres do Barroco e de facelo en instrumentos de época. Pioneira na recuperación do clave como instrumento de concerto, na súa etapa parisina publicou en 1909 o seu «Musique ancienne: le mépris pour les anciens, la force de la sonorité, le style, l’interprétation, les virtuoses, les mécènes et la musique» (Música antiga: o desprezo polos antigos, a forza da sonoridade, o estilo, a interpretación, os virtuosos, os mecenas e a música) e, convencida da necesidade dunha nova visión pedagóxica para entender a música antiga, fundou en 1926 en Saint-Leu-la-Forêt, onde residía, a súa École de Musique Ancienne (Escola de Música Antiga), especializada en dar a coñecer, con criterios históricos, as obras dos autores dos séculos XVII e XVIII. Á fabrica de pianos francesa Pleyel encargou a construción dun clave, que estreou no Festival Bach de Breslau en 1912 e que a acompañaría en boa parte dos seus recitais. Entre outras obras dedicadas a Wanda Landowska por compositores coetáneos, que ela mesma estreou, salientan o Concerto para clave de Manuel de Falla e o Concerto Campestre de Francis Poulenc. Wanda Landowska exiliouse nos Estados Unidos co estalido da Segunda Guerra Mundial, deixando atrás a súa escola, a súa colección de instrumentos e a súa biblioteca, lamentablemente perdidos. Residindo en Lakeville, onde falecería en 1959, en Estados Unidos pasou a última etapa da súa vida, retomando con entusiasmo, xa cumpridos os sesenta anos, a súa carreira como concertista e como docente, así como a gravación discográfica.
KENNETH WEISS clave
Nado en New York, asistiu á High School of Performing Arts e, tras estudar con Lisa Goode Crawford no Conservatorio de Oberlin, continuou con Gustav Leonhardt no Conservatorio Sweelinck de Ámsterdam. Entre 1990 e 1993 foi asistente musical de William Christie en Les Arts Florissants en numerosas producións e gravacións de ópera. Posteriormente, dirixiu a Les Arts Florissants en Doux Mensonges, do coreógrafo Jiri Kylian, na Ópera de París e foi codirector, con William Christie, das tres primeiras edicións do programa Jardin de Voix de Les Arts Florissants. Kenneth Weiss reparte a súa actividade entre os recitais, a música de cámara, o ensino e a dirección. Os seus recitais más recentes inclúen Nuremberg, Montpellier, Barcelona, Dijon, Xenebra, Amberes, Cité de la Musique (París), Madrid, La Roque d’Anthéron, Santander, Lisboa, San Sebastián, Innsbruck, La Chaise-Dieu, La Chaud de Fonds, Bruxas e New York. Actúa en recital cos violinistas Fabio Biondi, Daniel Hope, Monica Huggett e Lina Tur Bonet. En colaboración coa coreógrafa Trisha Brown, foi director musical de M.O., un ballet sobre A ofrenda musical de Bach, estreado en La Monnaie de Bruxelas.
Dirixiu as producións escénicas da Academia Europea de Música de Aix-en-Provence de Dido e Eneas de Purcell e dun programa de madrigais de Monteverdi e de As vodas de Fígaro de Mozart na Cité de la Musique de París e L’incoronazione di Poppea de Monteverdi en Bilbao e Oviedo. Ten dirixido a The English Concert, Concerto Copenhagen, Orquesta Barroca de Salamanca, Divino Sospiro, Orchestre de Rouen, Orchestre Régional de Basse-Normandie, Orchestre National des Pays de Loire, Orchestre des Pays de Savoie e Orchestre d’Auvergne. Satirino Records publicou en 2001 a primeira dunha serie de aclamadas gravacións de Kenneth Weiss para clave só: obras de Bach e Scarlatti, transcricións de ópera e ballet de Rameau, unha gravación en directo das Variacións Goldberg de Bach, sonatas para violín de Elisabeth Jacquet de la Guerre, O clave ben temperado de Bach, dous compactos dedicados á música isabelina para teclado (A Cleare Day e Heaven & Hearth), etc. Kenneth Weiss ten ocupado postos de profesor na Academia Noruega de Música de Oslo e no Conservatorio de Barcelona, a cátedra de clave na Juilliard School de New York (2007-11) e na Haute École de Musique de Xenebra (2015-21) e, actualmente, é catedrático de música de cámara no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, posto que ocupa dende 1996.
Entre os seus compromisos ao longo da tempada 2024-25 salientan interpretacións dos Concertos de Brandeburgo de Bach, coa Chamber Music Society do Lincoln Center na Berkshire Bach Society, e no Bridgehampton Chamber Music Festival coa Orchestre National Avignon-Provence e con North County Chamber Players; o seu debut no prestixioso festival Music@Menlo de Atherton (California); e recitais a só en París, San Francisco, Saintes, Santander, Santiago de Compostela, o Palau de la Música de Barcelona, etc. Durante esta tempada tamén terán lugar o lanzamento dunha nova gravación coa frautista Sooyun Kim, unha xira por Australia coa violinista Lina Tur Bonet e o debut dun novo programa a só, A Handful of Keys, que celebra o enxeño e as innovacións para tecla con obras que abranguen dende o Renacemento até o piano Stride.