30 octubre, 2024
O Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS) rendirá homenaxe este xoves a José Benito (Tito) Peleteiro, destacado investigador no campo da acuicultura. O acto, que se celebrará no Salón de Actos do iARCUS, no Campus Universitario de Santiago de Compostela, comezará ás 11:30 horas e contará coa participación de Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta homenaxe forma parte da nova iniciativa “Homenaxes ARCUS a Investigadores Distinguidos”, creada polo iARCUS como recoñecemento a figuras de referencia no ámbito da investigación acuática. A distinción busca poñer en valor a traxectoria profesional e as contribucións científicas de investigadores que, ao longo da súa carreira, deixaron unha pegada relevante na ciencia e na sociedade.
José Benito Peleteiro, coñecido como Tito no ámbito científico, foi investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo desde 1989 ata 2017. Durante a súa longa carreira, especializouse no estudo e adaptación de diversas especies de peixes e polbo para o seu cultivo en sistemas de acuicultura. As súas investigacións abrangueron áreas como a zootecnia, a nutrición, a manipulación xenética e as tecnoloxías avanzadas de cultivo.
Grazas ao seu traballo, Galicia avanzou no cultivo de especies mariñas de alto valor, como o rodaballo, e deu importantes pasos na introdución de novas especies como o linguado, a pescada e a cherna, consolidando a piscicultura galega no panorama internacional.