31 octubre, 2025
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou hoxe que se poña fin á caducidade da concesión actual do servizo de abastecemento de auga de Santiago e alertou da “urxencia” de acometer importantes investimentos para garantir a modernización da rede.
Tras a reunión da Comisión da auga, Guinarte explicou que o encontro foi “puramente informativo”, no que o grupo de traballo da Cátedra da auga da Universidade da Coruña presentou o informe elaborado a petición do Concello. Segundo o portavoz socialista, o documento confirma a falta de actuacións nas infraestruturas básicas do ciclo integral da auga.
“Basicamente, o informe aborda tres aspectos desta necesidade. Por unha parte, as infraestruturas: hai inversións necesarias na rede, en depósitos e na renovación da ETAP, que está obsoleta”, sinalou Guinarte, subliñando que os investimentos precisos afectan a zonas clave como o casco vello, o campus, o polígono do Tambre e as áreas rurais.
O voceiro lamentou que, a pesar da gravidade da situación, “o Concello siga sen adoptar medidas nin definir un modelo de xestión que permita iniciar estas obras no curto prazo”. “O importante é renovar a actual concesión, caducada dende hai tantísimos anos, de forma que se posibilite a realización das inversións necesarias para manter unha rede en óptimas condicións e garantir un subministro axeitado á cidadanía”, engadiu.
En relación co modelo de xestión, Guinarte explicou que o informe non propón un sistema ideal, aínda que apunta á posibilidade dunha sociedade mixta, que permitiría “equilibrios e un mellor control directo do servizo”. Porén, advertiu que será necesario un estudo máis detallado antes de adoptar calquera decisión definitiva.
“O modelo de xestión é algo que necesitamos estudar a fondo. Serán precisos máis informes, máis detallados, que permitan coñecer polo miúdo as cuestións económicas e poder tomar unha decisión perfectamente informada”, concluíu.
O Grupo Socialista considera que o informe da Cátedra “confirma o que levamos tempo advertindo”: o sistema de abastecemento de Santiago precisa dunha renovación inmediata e dunha planificación rigorosa, “non máis dilacións nin debates sen consecuencias”.