16 septiembre, 2024
O vindeiro domingo 22 de setembro, o Monte do Gozo acollerá a Macroactuación que porá o broche de ouro á cuarta edición do festival Go!Go!Zo!, coa participación de máis de 500 persoas amantes do rock de Galicia. O evento, que inclúe tamén unha sesión de Combos Musicais con sete bandas noveis, foi presentado esta mañá no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela. A rolda de prensa contou coa presenza do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, un dos organizadores do festival, Julio Asorey, e Adrián Hernández, fundador da Casa do Rock.
Durante a presentación, Valentín García destacou a importancia do ciclo de Novas Músicas en Galego e iniciativas como a Macroactuación para «pór en valor o talento propio de xeito innovador». García parabenizou tanto a organización de Go!Go!Zo! como a Casa do Rock por ofrecer unha plataforma que amplifica as posibilidades das novas promesas da música galega, non só a través do festival, senón tamén mediante eventos como «Go!Go!Zo! no Camiño», que levou a música das bandas noveis aos albergues de Melide, Arzúa e Sarria.
Pola súa parte, Julio Asorey agradeceu o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Turismo de Galicia, que fixo posible o desenvolvemento do festival e as súas actividades dende o pasado mes de xuño. Ademais, animou á cidadanía a participar neste evento final, aberto a todo o público, e convidou a quen quixer sumarse, con ou sen instrumento, a acompañar as versións que se interpretarán durante a Macroactuación.
O «Día D» da Macroactuación, organizado pola Casa do Rock, comezará o domingo ás 16:00 horas. Versionaranse en galego clásicos do rock como «Salvaxe son» (Born To Be Wild) de Steppenwolf, «Resistir» (Holiday) de Green Day, e «Beliver» de Imagine Dragon, entre outros. Adrián Hernández, da Casa do Rock, explicou que aínda hai posibilidade de rexistrarse para participar co seu instrumento a través da páxina web oficial do centro musical, onde tamén se poden descargar as partituras.
A xornada continuará coa sesión de Combos Musicais, onde sete bandas noveis de Galicia amosarán o seu talento: Rocke Experience, The Ages, Hombres Hell, QDL, ParaZmol, Rexoufeiros e D-buxos. Esta é unha oportunidade para que o público descubra novas voces do rock galego e para que as novas xeracións de músicos teñan un espazo para presentar as súas creacións.