15 octubre, 2024
A Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela será o escenario do XXXVIII Congreso Internacional da Asociación de Jóvenes Lingüistas (AJL), que se celebrará entre o 16 e o 18 de outubro de 2024. Máis de cen especialistas en diversas disciplinas lingüísticas, dende áreas tradicionais como a morfoloxía e a sintaxe ata campos máis innovadores como as tecnoloxías lingüísticas e os estudos de xénero, participarán neste importante evento académico.
A candidatura da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi escollida na convención de 2023 celebrada en Madrid para acoller este congreso internacional dirixido a persoal investigador non doutor. O comité organizador salientou que, nun contexto de “realidade lingüística diglósica enormemente complexa”, o congreso pon de manifesto o valor da diversidade lingüística da península, abordando non só as linguas como obxecto de estudo, senón tamén como ferramenta para a produción científica.
O acto de apertura terá lugar o mércores 16 de outubro ás 11.30 horas, presidido pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso. Tamén estarán presentes Elias Feijó Torres, decano da Facultade de Filoloxía; David Navarro, presidente da AJL; Juan José López Rivera, fundador da asociación; e Estela Fidalgo, representante do comité organizador.
Durante o congreso, desenvolveranse diversas conferencias e comunicacións orais. Iria de Dios Flores, da Universidade Pompeu Fabra (UPF), será a encargada de abrir as conferencias convidadas co relatorio titulado «O procesamento de dependencias de longa distancia: anáfora, concordancia e a importancia da información léxico-semántica». O xoves, Juan Carlos Moreno Cabrera ofrecerá un conversatorio sobre a dignidade e igualdade das linguas. Finalmente, o venres, Andrea Ariño Bizarro, gañadora do premio AJL, pechará o congreso coa conferencia «¿Fue queriendo o sin querer? El papel del lenguaje en el procesamiento y codificación de las causas y los efectos en español».