24 octubre, 2024
Nunha xornada organizada pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC, profesionais de diversos ámbitos reuníronse este xoves no Centro de Estudos Avanzados (CEA) para analizar a violencia sexual e a percepción do consentimento. O evento, que contou coa presenza de 70 expertos e investigadoras, abordou especialmente o risco de agresións sexuais múltiples e a urxente necesidade de implementar medidas de prevención temperá, especialmente dirixidas á mocidade.
Un estudo empírico, presentado polas profesoras Dolores Seijo, Mercedes Novo e María Villarquide, revelou que os agresores son maioritariamente homes novos, sen antecedentes penais e que actúan en contextos de ocio nocturno. Este perfil destaca a importancia de introducir programas educativos e preventivos dirixidos tanto á mocidade como ás súas familias, co obxectivo de previr a aparición de comportamentos violentos.
As conclusións do estudo tamén propoñen a regulación do acceso á pornografía para menores e a necesidade de mellorar a formación en violencia sexual nas escolas, familias, profesorado e medios de comunicación. Ademais, sublíñase a importancia de proporcionar ás vítimas información clara e orientación legal, así como adaptar os programas de intervención ás características dos agresores.
A xornada destacou a aplicación dun enfoque de Xustiza Terapéutica tanto para as vítimas como para os agresores, co fin de mellorar o proceso xudicial e asistencial. Este encontro enmárcase no proxecto da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, co obxectivo de desenvolver medidas preventivas no contexto universitario e máis alá.