O alumnado do 1º curso do Ciclo Superior de Fotografía da EASD Mestre Mateo inaugurará este xoves 12 de xuño a exposición Singulario, Dicionario Visual na Facultade de Filoloxía, no vestíbulo do centro, ás 19.00 horas.
A mostra está composta por ilustracións fotográficas baseadas en termos recollidos no dicionario da Real Academia Galega. Este proxecto é o resultado dun traballo desenvolvido no módulo Proxectos 1, cuxo obxectivo principal é profundar na aprendizaxe da linguaxe compositiva.
A través deste dicionario visual, os estudantes buscan establecer pontes entre a linguaxe visual e a escrita, configurando unha única unidade significativa que achega unha nova perspectiva á comprensión do léxico galego.
A exposición representa unha oportunidade para apreciar como a fotografía pode dialogar coa palabra e contribuír á difusión e valorización da lingua e cultura galegas.





