30 junio, 2024
A Cidade da Cultura de Galicia acolle durante o mes de xullo o seu Verán en Familia. Unha programación cultural que forma parte da campaña CulturON que a Xunta de Galicia ten en marcha este verán con máis de 30 actividades diarias e que, neste caso, ten como finalidade crear espazos de ocio para a cativada. O ciclo bota a andar o vindeiro mércores 3 de xullo con Karpaty, un espectáculo circense de La Troupe Malabó. A programación complétase con outras tres propostas que combinan música en directo, monicreques e maxia. Terán lugar todos os mércores de xullo, agás o 24, ás 19 horas no Xardín do Teatro con entrada libre e de balde.
O Verán en Familia impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no Gaiás comeza por todo o alto. La Troupe Malabó trae á Cidade da Cultura o seu espectáculo Karpaty, que xa foi galardoado como mellor espectáculo circense no Premio Territorio Violeta 2024, mellor vestiario polo Institut Valencià de Cultura e que tamén recibiu o premio do público no Festival Transfronteirizo de Guareña.
A proposta sitúanos na realidade dun vello e prestixioso circo ruso que viaxa polo mundo na procura do seu soño: volver amosar o seu talento ao público. A través desta premisa, e coa poesía visual como linguaxe, fálanos das migracións e da busca dun lugar propio. Un día, acontece o que levaban agardando tanto tempo. Atopan un público entusiasmado por velos actuar e sitúanse ante o desafío de recordar como era o espectáculo.
Unha proposta aparentemente improvisada, cuns personaxes que desbordan ilusión e amor polo circo e a vida. La Troupe Malabó conta esta historia a través de técnicas circenses, xogos de clown e trucos de maxia. Un espectáculo para gozar en familia que inaugura un mes de xullo cheo de actividades para a cativada no Gaiás.
Os próximos espectáculos do Verán en Familia son Crash Xiri! de Wetumtum o 10 de xullo, Viva o pop! de Rock en Familia o día 17, e De Vilatriste a Vilalegre da Utópica Rodante o 31 de xullo. Todos os espectáculos son de entrada libre e de balde.