27 noviembre, 2025
A novena edición do proxecto Enreguéifate deu hoxe o seu pistoletazo de saída en Santiago de Compostela cos obradoiros escolares, unha iniciativa que promove a improvisación oral en verso, coñecida como regueifa, como ferramenta para revitalizar o interese da mocidade pola lingua galega e fomentar o seu uso entre o alumnado máis novo.
Entre hoxe e a primeira quincena de decembro, desenvolveranse en Compostela un total de dezaseis obradoiros, repartidos en sete centros educativos: IES Antón Fraguas, CEIP Quiroga Palacios, CEIP Lamas de Abade, CPR Vilas Alborada, CIFP Compostela, IES Eduardo Pondal e IES Rosalía de Castro.
O proxecto, que tamén conta coa participación dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo, desenvolverá durante este curso escolar preto de 80 obradoiros de improvisación oral, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO. As sesións estarán conducidas por persoas destacadas no ámbito da regueifa e a improvisación en galego: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo, encargadas de guiar esta “nave da regueifa” e despertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.
Baixo o lema “Enreguéifate, versos doutro universo”, a nova edición do proxecto continúa a súa labor de promoción do galego a través da creatividade, a improvisación e a retranca, consolidándose como un referente na divulgación desta tradición oral propia.
Ademais dos obradoiros de formación, o proxecto organizará proximamente o certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto do 12 de xaneiro ao 6 de marzo de 2026. Haberá categoría escolar e xeral, e as persoas interesadas deberán enviar un vídeo de máximo tres minutos no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre. A inscrición farase a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame.
Este ano volverán concederse oito premios por categoría –escolar e xeral– para recoñecer a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios, que en anteriores edicións tiña lugar en Compostela, celebrarase o xoves 16 de abril de 2026 no Teatro Principal de Pontevedra.