29 octubre, 2024
A sede da Fundación Eugenio Granell, situada na praza do Toural acollerá este mércores a conferencia titulada “Desprazamento forzado. O éxodo das caravanas migrantes na Centroamérica actual”. un evento no que o filósofo nicaraguano Eduardo Flores Arróliga será o encargado de impartir a charla, con entrada gratuíta ata completar a capacidade do recinto.
A conferencia, organizada polo Grupo de Historia de América da USC, analizará un fenómeno que se intensificou a partir de outubro de 2018, cando milleiros de persoas comezaron a organizarse en caravanas dende San Pedro Sula, en Honduras, co obxectivo de cruzar México e chegar aos Estados Unidos. Segundo os organizadores, este desprazamento forzado responde a unha serie de causas complexas e interrelacionadas, entre as que se atopan a violencia estrutural relacionada co crime organizado, os estados de excepción, os feminicidios, a falta de oportunidades laborais, as economías excluíntes e os desastres naturais que afectan as comunidades centroamericanas.
Durante a conferencia, Flores Arróliga exporá como as causas deste fenómeno migratorio cuestionan o concepto tradicional de migración, destacando a súa complexidade desde un enfoque bio e necropolítico. Ademais, abordará as repercusións das políticas antimigrantes que se implementan nos países receptores e que negan a realidade das experiencias de desprazamento e sufrimento das persoas migrantes.
Eduardo Flores Arróliga, nacido en Managua, Nicaragua, é doutor en Filosofía pola Universidade Michoacana de San Nicolás de Hidalgo, en México. A súa traxectoria inclúe unha estadía de doutoramento na Facultade de Filosofía da USC, e é un recoñecido profesor e investigador no campo das ciencias sociais. Os seus intereses de investigación abranguen a antropoloxía filosófica, os estudos culturais centroamericanos e a filosofía de pensadores como Baruj Spinoza, Xavier Zubiri e María Zambrano. Flores tamén é autor do libro de ensaios narrativos “Tiembla todo lo vivo” (Anamá Ediciones, 2023) e publicou numerosos artigos en revistas académicas.