10 octubre, 2025
O Concello, a través do departamento de Comercio, destina 300.000 euros a esta nova quenda do programa, que se suman aos 300.000 repartidos na convocatoria do mes de maio.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta dos prazos e condicións dos Bonos Corazón, unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia. A tenenta de alcaldesa lembrou que esta convocatoria, que conta cun orzamento de 300.000 euros, “súmase á executada no mes de maio, de maneira que o Concello destinou un total de 600.000 euros aos Bonos Corazón neste ano, 150.000 euros máis que en 2024”. María Rozas lembrou que “foi o propio tecido comercial o que demandou realizar dúas convocatorias, mudando tamén as datas habituais da convocatoria para que os Bonos Corazón permitiran dinamizar as vendas en momentos do ano máis complicados para o sector”. Na quenda de maio, os Bonos Corazón permitiron mobilizar case un millón de euros nos establecementos locais con 15.000 bonos descargados.
Segundo se recolle nas bases, os establecementos comerciais e hostaleiros poderanse adherir á campaña desde o próximo luns e durante o prazo dun mes. En canto á descarga dos Bonos Corazón, o prazo comezará o xoves, a partir das 9.30 horas, e ata que se esgote o crédito dispoñible. O prazo para gastar os bonos será dun mes, e transcorrido ese prazo os bonos non trocados caducarán.
Como en anteriores edicións anteriores, os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. O importe dos Bonos irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras. Haberá unha única modalidade de bono cun valor de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa solicitante os 30 euros restantes. Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos. Tamén se establece un límite de gasto en cada establecemento, que será de 15.000 euros con cargo ao 40% dos Bonos Corazón que corre a cargo do Concello.
Unha das visitas obrigadas de todo aquel que se achegue ao termo municipal de Cervo é o Parque Natural de Sargadelos, situado na parroquia do mesmo nome. Dende Cervo pódese acceder a Sargadelos mediante un agradable paseo polo Camiño Real bordeando o Río Xunco e contemplando diversas fervenzas e muíños de auga. Unha vez chegados ás inmediacións do Parque Natural de Sargadelos, as suxestivas paisaxes invaden a vista do tranquilo verdor, destacando o Conxunto Histórico Artístico, cos restos das Antigas Fundicións e Fábricas de Louza, fundadas por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, no século XVIII. Neste enclave natural pódese camiñar polo Paseo dos Namorados que finaliza nunha bonita fervenza. Así mesmo, pódense contemplar nos seus arredores frondosos bosques salpicados de casas rurais, como a Casa da Administración ou o Pazo do Marqués de Sargadelos, que definen a súa paisaxe como rural e señorial. Fotos: Concello de Cervo e DS