3 agosto, 2024
‘Unha historia’ que ten moitos altibaixos, momentos de euforia e de caos, pasando por moito amor e sensualidade, tamén amosa situacións onde hai falta de auto-estima e necesidade de atención. Fer, ex integrante do dúo Verto Temazos, deixou a música que facía con Berto para rematar os seus estudos de medicina. Da fama que lles acadou aos dous estudantes con cancións tan populares como ‘Oie Gayego’, a deixar os palcos que enchían nas épocas máis duras para o sector cultural por mor da Covid.
Tras realizar o MIR, este picheleiro mudouse a Barcelona onde o traballo nunca o afastou da música, non podes facer que alguén que leva toda a vida entre harmonías deixe de crealas só por motivos laborais, é unha paixón. Pero son as cancións unha afección para Fer Peleteiro? Podemos entender que si e que non, non se pode confirmar, porque como xa vén dicindo dende a letra de ‘Ondas’: “Este momento no que me sento e me saco o mellor puto disco do ano, e non vou dar pistas da miña vida, non vou facer unha puta entrevista”.
Tras sucesivos xoves sacando as cancións que se agruparían no seu primeiro álbum en solitario, Fer Peleteiro xa ten dispoñible nas plataformas o seu disco completo. Un proceso que remata e lle deixa certas sensacións coas que non contaba.
Nunha publicación que podemos atopar na súa conta de X queda ben claro que a súa loita constante coa música ten que ver coa sociedade actual que che obriga a cumprir obxectivos. Na súa propia carta á cidadanía expón << “meu, cal é o sentido da vida??” Perseguir obxectivos? pa logo acadalos e ter que poñerme a buscar outros? Ou pretender simplemente a desfrutara? >>
Pois xa rematamos pic.twitter.com/SojlAsXleV
— Fer (@Fer_peleteiro) August 1, 2024
Agora a xente acaba facendo sempre o mesmo, capitalizar as cousas que lle gustan. É unha boa forma de intentar acadar esa idea de que hai que traballar no que a un lle guste, só que isto pode provocar que deixes de ter cousas para ti, pasatempos que só sexan hobbies e xa está.
Fer non vai dar entrevistas, quere que quede o seu nome pero nunca máis a súa faciana. Será este lanzamento en solitario o derradeiro suspiro musical que nos aporta ou volveremos saber do seu nome nalgún momento? Mentres tanto, podemos seguir entendo o seu proceso con “Unha historia”.