Dano Cerebral Santiago de Compostela presenta o avance das actividades polo seu 25 aniversario
10 junio, 2025
A entidade Dano Cerebral Santiago de Compostela (antiga Sarela) vén de presentar esta mañá, nun almorzo informativo cos medios de comunicación locais, un adianto das actividades coas que celebrará o seu 25 aniversario. Luciano Fernández, presidente da organización, foi o encargado de anunciar os actos programados, que culminarán o vindeiro 19 de decembro cun evento conmemorativo no salón de actos do colexio La Salle, data na que tamén se celebra a fundación da entidade.
Durante a súa intervención, Fernández quixo agradecer expresamente o papel que os medios de comunicación de Santiago teñen desempeñado desde o ano 2000, colaborando activamente na sensibilización social sobre o Dano Cerebral Adquirido (DCA) e apoiando a evolución de Sarela ata a súa actual identidade como entidade referente no ámbito galego.
“25 anos de retos superados” é o lema escollido para conmemorar esta traxectoria, que comezou como unha asociación de familias unidas pola urxencia de ofrecer atención básica en rehabilitación e asesoramento, e que hoxe cobre case todas as fases da atención especializada que precisa unha persoa logo de sufrir un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou outras causas de DCA. O modelo de atención da entidade está centrado na autodeterminación da persoa, recoñecendo a súa capacidade para tomar decisións sobre a súa vida.
As celebracións comezarán xa este mes de xuño e estenderanse ata decembro con múltiples actividades abertas á cidadanía:
Xuño
Sábado 14 de xuño: Sesión de Ioga no parque en colaboración con Zona Zen Bertamiráns. Será ás 11:00 h no parque do Restollal (xunto á zona de paseo para cans). A actividade ten un custo solidario de 10 euros e tamén se poderá colaborar coa “Esterilla Cero”, para quen non poida asistir pero queira apoiar.
Xullo
Sábado 5 de xullo: Foliada popular con xantar (polbo, churrasco…) no campo da festa do Castiñeiriño, detrás do antigo colexio Ramón Cabanillas. Haberá música, xogos tradicionais e a posibilidade de mercar produtos, entre eles un queixo especial elaborado pola queixería Anzuxao.
Outubro
26 de outubro: Conmemoración do Día do Dano Cerebral, unha data clave para dar visibilidade á causa.
Novembro
Terceira edición de Raquetas en acción, torneo solidario de pádel, squash e tenis en apoio á entidade. A actividade está organizada polo club de tenis-pádel Squash Santiago, Golán Squash Academy (dirixida por Borja Golán) e 2Más Academia de Tenis e Pádel (de Alicia Seijas).
Decembro
Durante todo o mes: participación na iniciativa 12 comercios 12 sensibilidades, promovida polo comercio local Trisquel Artesanía e apoiada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. Dano Cerebral Santiago será a entidade protagonista do mes de decembro.
19 de decembro: Acto central de celebración do 25 aniversario no salón de actos do colexio La Salle. Ese día tamén se presentará un conto infantil dirixido a nenos e nenas de 8 a 11 anos, escrito por Rosa Aneiros, ilustrado por Hadrián Jamardp e editado por Uqui Permuy, cunha edición apoiada polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.