1 julio, 2024
Os Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ celebran este xullo a súa trixésimo cuarta edición, coa participación de máis de medio cento de estudantes procedentes de Europa, América e Asia. O programa, organizado pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, comezará o próximo mércores, 3 de xullo, ás 12:30 horas, cun acto inaugural na Facultade de Filosofía de Santiago, onde se desenvolverá a maior parte da actividade. A clausura terá lugar no mesmo espazo o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia.
Os participantes deste ano veñen de Arxentina, Brasil, Estados Unidos, India, China, Alemaña, Reino Unido, República Checa, Chipre, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal, Romanía, Ucraína e Rusia, así como de varias comunidades autónomas de España.
Así, os cursos combinan clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, organizadas en tres niveis, con excursións, visitas culturais, obradoiros de música e baile tradicional, e palestras. Nesta edición, o alumnado poderá escoitar a Berta Dávila reflexionar sobre a experiencia de escribir e editar libros, e a Rosalía Fernández Rial sobre o poético en diálogo con outras artes. O catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto falará sobre a emigración contemporánea a América, mentres que a filóloga do ILG María Álvarez de la Granja tratará a fraseoloxía galega. Ademais, a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas achegará ao alumnado a vida e obra de Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas 2024.
Este programa, por outra banda, lévase a cabo co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, baixo a dirección do vicesecretario da RAG e catedrático de Filoloxía Galega da USC, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura María López Sández como secretaria académica.