O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto regresa con forza na súa vixésimo primeira edición, apostando por unha programación de espectáculos audiovisuais (AV) que exploran os límites entre a música, a tecnoloxía e as artes visuais. Santiago de Compostela será o escenario de actuacións únicas, presentadas por un destacado grupo de artistas internacionais e estatais, consolidando a reputación do festival como un evento pioneiro no ámbito das novas linguaxes artísticas.
Entre os días 3 e 6 de outubro, o Teatro Principal e a Sala Capitol acollerán unha variedade de propostas experimentais que mesturan música e visuais, con enfoques que van dende o documental ata o cibernético. A programación conta con nomes internacionais de primeira liña, como 33EMYBW (Xangai), Joey Holder (Reino Unido), Ricardo Giovinetto (Italia), Alessandra Leone (Italia), Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda) e Yousuke Yukimatsu (Xapón). Xunto a eles, artistas galegos e estatais como Iván Torres Hernández, Xoán-Xil, Andrés Rodrigues, Emil Sáiz, Judith Adataberna, Irene de Andrés, Javi Álvarez e o dúo Bromo (formado por Paloma Peñarrubia e Azael Ferrer) completan un cartel que abraza a experimentación audiovisual.
Un dos grandes atractivos da programación será o espectáculo CRISPR the Pattern of Life, do dúo Bromo. Esta proposta innovadora combina música experimental e arte xenerativa para mergullarse no coñecemento do sistema CRISPR, unha das tecnoloxías máis revolucionarias na biotecnoloxía contemporánea. A música de Paloma Peñarrubia mestúrase cos visuais de Azael Ferrer para crear unha experiencia inmersiva, cunha forte compoñente divulgativa e artística que transcende o meramente estético.
DE XAPÓN A ITALIA
A diversidade cultural e artística será unha das claves de Curtocircuíto 2024. A produtora e artista visual 33EMYBW, recoñecida por integrar elementos de música de baile moderna e folclórica con materiais visuais experimentais, compartirá escenario co londiniense Joey Holder, cuxo traballo reflexiona sobre o futuro da ciencia e a interacción entre humanos e máquinas. Holder é coñecido por crear instalacións multimedia inmersivas que cuestionan o papel da bioloxía e a tecnoloxía no noso mundo.
Alessandra Leone (Italia) e Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda) presentarán Pitch Blender, un espectáculo que achega os experimentos cibernéticos á pista de baile. Esta colaboración do selo SFX combina arte e rave, ofrecendo un enfoque audiovisual que entrelaza deseños xerativos e narrativas baseadas en datos con sons hipnóticos e performativos.
O físico e artista italiano Ricardo Giovinetto, fundador do dúo Ozmotic, presentará Femina, unha obra audiovisual que estreou no Ars Electronica Festival 2023. Esta peza adopta múltiples formatos, dende performances audiovisuais ata instalacións e concertos, consolidando a súa traxectoria como un dos referentes da música electrónica contemporánea.
Tamén destacará o DJ xaponés Yousuke Yukimatsu, coñecido pola súa capacidade para crear mesturas de xéneros musicais aparentemente inconexos. O seu traballo con Asian Dope Boys e o set de Hör Berlin en 2022, que acumulou máis de dous millóns de visitas, acreditan o seu status como un dos DJs máis aclamados do mundo.
O OCÉANO
Curtocircuíto 2024 tamén propón un conxunto de espectáculos audiovisuais que exploran as profundidades mariñas. The Dance of the Witches será unha das propostas máis interesantes neste eido, unha colaboración entre o músico Emil Sáiz e a artista visual viguesa Judith Adataberna, que revisitarán a obra submarina do cineasta e biólogo francés Jean Painlevé. A guitarra de Sáiz e as imaxes hipnóticas de Adataberna crearán unha experiencia sensorial que cuestiona a percepción da realidade e os límites da conciencia.
Outra proposta é URHO, un proxecto performativo que xorde a partir das gravacións realizadas polo artista audiovisual Iván Torres a bordo do rompexeos finlandés URHO. Coa colaboración dos músicos Andrés Rodrigues e Xoán-Xil, ofrecerán unha paisaxe sonora que combina sintetizadores e imaxes documentais para levar ao espectador a un universo de xeo e auga.
O dúo formado por Irene de Andrés e Javi Álvarez presentará Dopo la pausa (AV), a versión en directo da película homónima de De Andrés, que reflexiona sobre a evolución do concepto de ocio e viaxe a través do Mediterráneo occidental. Esta obra ofrece unha visión crítica sobre a turistificación e o impacto dos cruceiros, cunha banda sonora en directo a cargo de Álvarez, coñecido pola súa versatilidade como músico e experimentador de formatos audiovisuais.
ABONOS E ENTRADAS
A venda de abonos para Curtocircuíto 2024 iniciarase o martes 10 de setembro, ás 11:00 horas, a través da web de Compostela Cultura. Ofreceranse tres modalidades de abonos: o abono para todas as proxeccións (20 euros), o abono para os espectáculos audiovisuais en directo (30 euros) e o abono integral que inclúe todas as actividades do festival (40 euros). Ademais, tamén se poderán adquirir entradas individuais, con prezos que oscilan entre os 4 euros para proxeccións e os 8-14 euros para os espectáculos AV en directo, dependendo do espazo.
Curtocircuíto reafírmase así como un espazo de encontro entre o cinema, a música e as artes visuais, promovendo a vangarda e a exploración artística. Organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña, AGADIC e ICAA, o festival segue consolidando a súa posición como un dos eventos culturais máis relevantes de Galicia e España.