21 septiembre, 2024
Cultura e Mantel nace co propósito de reivindicar o local e capturar a esencia de Compostela. ¿E que mellor maneira de facelo que ao redor dunha mesa, con manteis que che informan de todo o que sucede na cidade? A combinación de compartir momentos coas persoas que queres e estar ao tanto dos eventos do mes, lográrono de maneira creativa e enxeñosa.
Detrás desta iniciativa están Alba e Rita, fundadoras da axencia LAS DOS, dense onde ofrecen unha visión fresca, próxima e actual da comunicación. O Diario de Santiago puido charlar con elas.
Como unha axencia de comunicación exponse a facer manteis para promocionar as actividades de Santiago?
As axencias de comunicación buscan sempre espazos para desenvolver o seu traballo, onde a vida cultural, empresarial e as iniciativas que fomentan a convivencia conflúan.
No pasado, Santiago de Compostela era un referente en canto a vida cultural, pero co tempo, esa vitalidade foise diluíndo, dando paso a un perfil máis turístico, menos local, menos barrio. Non obstante, a cidade segue ofrecendo unha gran variedade de actividades, especialmente impulsadas por iniciativas privadas, novos comercios e asociacións culturais. O problema sempre foi o alcance e a visibilidade destas propostas. Santiago non contaba cunha axenda cultural consolidada, un lugar de referencia que permitise á xente coñecer que facer na súa propia cidade.
Por que en manteis e non noutro formato?
Escoller un formato físico, como os manteis, que se distribúen en restaurantes e se comparten arredor dunha mesa, ofrece unha maneira directa de coñecer a oferta cultural e, ao mesmo tempo, axuda a crer sinerxías e achega valor á experiencia de quen o utiliza. Os restaurantes reciben os “manteliños” con entusiasmo cada mes, porque saben que as súas clientelas valoran esta información e lles aporta un elemento diferenciador na súa experiencia gastronómica. Ademais, para os locais que programan actividades e eventos culturais é unha oportunidade moi boa para darse a coñecer a través dun formato atractivo e de fácil distribución.
Cultura e mantel, un proxecto que xa leva dous anos en marcha e soa moi interesante. Como xurdiu a idea e que significa para vós?
A idea xurdiu coa intención de crear un espazo físico e próximo onde a cultura e a gastronomía se atoparan de forma natural. Desde o principio, soubemos que sería fundamental construír unha rede de colaboradores que permitise distribuír os manteis en restaurantes e ao mesmo tempo gañarnos a confianza dos proxectos culturais que desexaran anunciarse. Comezamos imprimindo 500 unidades, e agora chegamos ás 5.000 mensuais. O proxecto autofinánciase grazas á axuda da nosa axencia e as aportacións dos proxectos culturais que se anuncian en Cultura e Mantel.
Cóntennos máis sobre o proceso creativo detrás de cada mantel. Como elixen as actividades? Hai algún tema en particular cada mes?
O proxecto é moi cercano e persoal. Non só nos permite ampliar a nosa rede de contactos, senón que tamén é unha plataforma para fortalecer a vida cultural da cidade. Cada mes, dedicámonos a buscar e recompilar todas as actividades culturais que se realizarán de maneira presencial en Compostela, enfocadas principalmente no público adulto. Moitos promotores destas actividades contáctannos directamente para formar parte do proxecto, e varios dos que apostaron por nós desde o principio seguen colaborando, algo que valoramos moito.
A resposta foi moi positiva. As picheleiras e picheleiros botaban en falta unha axenda cultural, e o formato resúltalles útil e atractivo. O proxecto tivo unha gran acollida por parte da comunidade, o que nos anima a seguir traballando nel.
Notades que a xente se involucra máis nas actividades culturais a través de Cultura e mantel?
Cónstanos que moitas actividades viron un incremento na súa participación grazas a Cultura e Mantel. Aínda que o proxecto preséntase mensualmente, traballamos para manter unha difusión constante a través das nosas redes sociais, apoiando incluso a proxectos que non están directamente nos manteis.
Ademais, queremos seguir medrando e animamos a máis restaurantes e proxectos culturais a sumarse a esta iniciativa para dar maior visibilidade á cultura e fortalecer o tecido cultural de Compostela.
Convidamos a todas as persoas a descubrir e gozar dunha Compostela chea de oferta cultural. Que non perdamos as ganas de facer barrio e coidar do noso. Non hai maior tesouro que vivir nunha cidade viva e culturalmente rica, da cal todos e todas podemos formar parte.