9 noviembre, 2025
O luns, 10 de novembro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «Santiago de Compostela é algo máis», que estará impartida polos Arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado.
A conferencia versará sobre a posta ao día do significado e a transcendencia de Santiago de Compostela no mundo, con motivo do 40º aniversario da súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial. Partindo da xeografía e a arquitectónica da cidade, abordaranse os desafíos actuais máis importantes: turismo, vivenda, mobilidade, co horizonte inmediato do Ano Xubilar 2027.
Xerardo Estévez Fernández naceu en Santiago de Compostela en 1948. É arquitecto especializado en urbanismo pola Escola Técnica Superior de Barcelona. Entre 1972 e 1983 formou parte do equipo Oikos de arquitectura e urbanismo, comprometido coa defensa dos intereses veciñais. Elixido alcalde de Santiago en 1983, renuncia a fins de 1998. Durante este período a cidade tivo un rexurdir urbanístico, cultural e económico grazas ao labor do equipo de concelleiros e técnicos e á colaboración entre administracións. Defendeu sempre a política como instrumento para transformar a realidade, combinando modernidade e conservación patrimonial. En 1999 abandona a actividade pública e retorna ao exercicio profesional. Entre outras actividades, dedícase á investigación sobre o patrimonio e á análise da realidade das cidades e os seus contornos. É coautor, entre outros, dos libros «Compostela, vanguardia y sosiego», «Paisajes y palabras», «Bonaval de onte a hoxe. Da arquitectura á cidade», «La Catedral de la Arquitectura» e «Compostela como desexo». Tamén é conferenciante e colaborador de La Voz de Galicia.
Alfonso Salgado Suárez naceu en Santiago de Compostela en 1966. É arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, especialidade Urbanismo. Nos primeiros anos da súa actividade profesional establece unha intensa relación co catedrático Pedro de Llano, con quen colabora en múltiples proxectos patrimoniais. No ano 2000 funda, xunto cos irmáns Francisco e Manuel Liñares, Salgado e Liñares arquitectos, núcleo profesional e biográfico, que durante seis anos compaxina coa dirección como arquitecto da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia. Salgado e Liñares, logo de vinte anos de actividade profesional en campos que abranguen o patrimonio, a vivenda, a prefabricación, o espazo público e a intervención territorial, obtén no ano 2020 o Premio de Arquitectura Española. Tamén compaxina a súa actividade diaria en Salgado e Liñares coa docencia como profesor de construción na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña; coa investigación, co estudo pormenorizado dos primeiros asentamentos neolíticos, obxecto da súa tese doutoral; e coa análise urbana e territorial, nunha revisión insistente, reiterada, da cidade contemporánea.