Beatriz Cancela Montes é diplomada en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e licenciada en Historia e Ciencias da Música e doutora pola Universidade de Oviedo
12 octubre, 2025
O luns, 13 de outubro, ás 19.30 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «A expresividade dramática no Barroco: de Monteverdi a J. S. Bach», que estará impartida por Beatriz Cancela, Licenciada en Historia e Ciencias da Música.
Esta conferencia pertence Festival de Música Antiga e Barroca, ATENEO BARROCO, configurándose como unha actividade complementaria ao mesmo, un evento musical que se desenvolverá do 8 ao 22 de outubro en diferentes escenarios do patrimonio compostelán.
O Barroco representa, para a música instrumental, o momento de eclosión e emancipación da música instrumental da vocal. É un momento de innovación e busca dunha identidade propia fundamentada na evolución das técnicas organolóxicas dos construtores de instrumentos e tamén da riqueza das agrupacións instrumentais, das distintas achegas en canto á composición e xéneros, pero tamén no que infire á interpretación (música práctica), ao igual que no labor de moitos teóricos e tratadistas, que deron en somerxerse no estudo e na experimentación da música instrumental até acadar as cotas mais elevadas deste período e mesmo da historia da música. A través desta achega pódese trazar un fío argumental entre o repertorio e os contidos que configuran a programación dun festival de Música Antiga e Barroca como o Ateneo Barroco na súa sétima edición, sumando aclaracións teóricas que axuden a discernir os elementos que coadxuvaron no desenvolvemento dunha linguaxe que marcará o devir da música instrumental futura.
BEATRIZ CANCELA MONTES
É diplomada en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e licenciada en Historia e Ciencias da Música e doutora pola Universidade de Oviedo. Traballa como docente no ensino público galego, como mestra de Música e, na actualidade, como profesora de Música de secundaria. Compaxina a función docente coa investigación musicolóxica, centrando o seu labor en dous campos principais: a Música na Compostela do século XIX e o estudo das bandas de música. Gañadora do I Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán e accésit na súa segunda convocatoria, dende 2022 forma parte da Comisión Técnica do Arquivo Sonoro de Galicia.