4 julio, 2025
A profesora Concepción Losada Vázquez foi recoñecida co Premio ‘Luis Porteiro Garea’ pola súa destacada traxectoria na promoción da lingua galega e pola súa implicación na galeguización de ámbitos e actividades da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O xurado do certame adoptou esta decisión por unanimidade, salientando tanto o seu compromiso coa normalización lingüística como o seu exemplo para as novas xeracións de profesorado e alumnado.
Losada, docente da Área de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e actual presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, converteuse na primeira presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da USC. Neste eido, foi pioneira no impulso de iniciativas en favor do uso do galego no ámbito académico, converténdose nun referente institucional e cultural. “É un exemplo de uso da lingua para as promocións de profesores e estudantes máis novos”, sinalou o xurado, que tamén destacou “o seu papel destacado no estudo e difusión da cultura galega”.
O galardón, que leva o nome de Luis Porteiro Garea —profesor de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego da que se ten constancia na Universidade—, premia persoas, entidades ou colectivos que contribúen de maneira activa á normalización da lingua galega na USC.
Concepción Losada únese así a unha prestixiosa nómina de premiados nas edicións anteriores, entre os que figuran nomes tan relevantes como Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión e Marilar Aleixandre.
A entrega oficial do premio terá lugar o vindeiro 16 de setembro no Paraninfo da Universidade, coincidindo coa efeméride da histórica lección de Porteiro Garea, ou noutra data próxima se non fose posible a celebración nese día.