18 noviembre, 2025
O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC acolleu este martes o acto de entrega do Premio Luís Porteiro Garea, un recoñecemento que nesta edición recaeu en Concepción Losada Vázquez, profesora da área de Psicobioloxía e figura destacada na defensa e promoción da lingua galega dentro da universidade. A galardoada recolleu o premio de mans do reitor Antonio López Díaz, nunha cerimonia marcada pola emoción e polo compromiso coa normalización lingüística.
No seu discurso de agradecemento, Losada foi contundente ao reivindicar o lugar do galego no ámbito académico: “Falar galego non debe ser unha carga senón unha vantaxe competitiva”, afirmou, engadindo que este premio honra “un elemento esencial da miña cultura, a quen debo o que son e o país no que vivo”. A profesora subliñou tamén que este recoñecemento simboliza o traballo colectivo da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía, órgano que tivo a oportunidade de presidir durante moitos anos.
Losada detallou as liñas mestras que guiaron sempre o seu labor: a necesidade de que o galego sexa empregado polos mellores docentes, a importancia de crear materiais académicos na lingua propia cando estes non existen e a obriga de que toda a estrutura administrativa da universidade participe activamente na normalización. “Non podemos pensar nunha Universidade que viva en galego sen que a estrutura administrativa e de servizos viva en galego”, concluíu.
O reitor Antonio López Díaz aproveitou o acto para facer balance da situación lingüística na USC e presentar os datos máis recentes do Informe sobre o Uso do Galego 2025-26, elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística. Segundo destacou, o galego alcanza xa o 29,2 % das horas docentes impartidas, o dato máis alto da serie histórica.
O Campus de Lugo sitúase á fronte, cun 39,3 % das clases en galego, mentres que o Campus de Santiago acada o 27,4 %. En total, o incremento global deste curso tradúcese en máis de 20.000 horas adicionais impartidas no idioma propio, un 19 % máis ca no ano anterior. Para López Díaz, estes números evidencian “un camiño alentador que reflicte o compromiso de moito profesorado e servizos da USC coa nosa lingua”.
O reitor lembrou tamén a dimensión histórica do Premio Luís Porteiro Garea, que homenaxea o profesor que impartiu no mesmo Paraninfo, o 16 de setembro de 1915, a primeira lección en galego da que se ten constancia na universidade.
A cerimonia contou coas intervencións de diversas autoridades e persoeiros do ámbito académico e institucional. O catedrático de Medicina Antonio Pose Reino foi o encargado da laudatio, na que salientou que o uso do galego constitúe para Losada “unha forma de coherencia intelectual e de expresión da identidade”. Pose puxo en valor tamén o seu rigor académico e o seu estilo docente: “Concepción Losada sempre tivo claro que ensinar é tamén acompañar”.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, definiu a concesión do premio como “un acto de xustiza” e gabou a capacidade de ilusión e entrega da homenaxeada. Pola súa parte, o director do Servizo de Normalización Lingüística e secretario do xurado, Manuel Núñez Singala, leu o ditame no que se destaca “a ampla traxectoria de Losada na promoción do idioma e na galeguización das actividades da USC”, ademais do seu papel pioneiro como primeira presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía.
Na mesa presidencial estivo tamén presente o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e a música correu a cargo da Agrupación Universitas Música da Orquestra e Coro da USC, que contribuíu a darlle un ton solemne e celebrativo ao acto.