6 septiembre, 2024
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, formalizaron hoxe dous importantes convenios que supoñen unha achega de 425.000 euros. Estes acordos destinaranse ao financiamento das actividades culturais do Auditorio de Galicia durante o ano 2024 e ás obras de acondicionamento da antiga escola de Villestro, que será convertida no Centro de Interpretación de Arte Rupestre, no marco do proxecto Compostela Rupestre.
Na sinatura, que tivo lugar na sede da Deputación, tamén estiveron presentes a deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, e o deputado de Patrimonio, Xosé Penas Corral. Durante o acto, Goretti Sanmartín destacou a relevancia da colaboración da Deputación na promoción da cultura en Santiago, sinalando a importancia do Auditorio de Galicia como espazo para actividades «supramunicipais», que inclúen concertos, obras de teatro e eventos de gran calidade cultural. Ademais, subliñou a necesidade de rehabilitar a antiga escola de Villestro para darlle un novo uso como centro de interpretación, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio rupestre da comarca.
Pola súa banda, González Formoso salientou que os dous convenios supoñen un investimento conxunto de 425.000 euros para apoiar o Concello de Santiago na súa oferta cultural e patrimonial. No caso do Auditorio de Galicia, a Deputación achegará 200.000 euros, o que representa o 80% do orzamento total das actividades programadas para o ano 2024. Este financiamento permitirá manter unha ampla oferta cultural multidisciplinar, que inclúe desde a mellor música clásica ata eventos literarios, de patrimonio e artes escénicas.
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE ARTE RUPESTRE
O segundo convenio, dotado con 225.000 euros, permitirá acondicionar a antiga escola de Villestro para convertela nun centro de interpretación de arte rupestre, que se converterá nun punto de referencia na comarca, enmarcado no proxecto Compostela Rupestre. O inmoble, que será rehabilitado para este novo uso, atópase nun estado de deterioro debido á falta de mantemento, polo que as obras incluirán a substitución do pavimento, a remodelación dos aseos para facelos accesibles e a mellora da iluminación e ventilación do espazo.
O proxecto tamén prevé a urbanización da parcela, que conta cunha superficie de 5.585 metros cadrados, para mellorar o acceso ao centro. Crearase unha área de aparcamento con espazo para un autobús, cinco vehículos e bicicletas, ademais de dispor dun acceso peonil adaptado. O prazo de execución das obras será de seis meses e dividirase en dúas fases.
ACTIVIDADES DO AUDITORIO
Polr outra banda, o Auditorio de Galicia, recoñecido pola súa labor cultural que excede os límites municipais, contará cunha achega de 200.000 euros da Deputación para financiar a programación do 2024. Entre as actividades previstas atópanse as Xornadas de Ilustración Urbana, o evento Patrimonio C, o Ciclo Lied en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago, os Festivais C, a Gala aRi(t)mar e os concertos familiares, consolidando o Auditorio como un referente cultural na provincia.