16 septiembre, 2024
O Concello de Santiago organiza o itinerario «Ruth e o Leviatán», un percorrido polos espazos da cidade retratados pola fotógrafa Ruth Matilda Anderson a comezos do século XX. A iniciativa, en colaboración coa Hispanic Society of America, permitirá descubrir imaxes inéditas da fotógrafa estadounidense. A concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, presentou este luns a actividade, que conmemora o centenario da primeira expedición fotográfica de Anderson a Galicia. Do 26 ao 28 de setembro, catro rutas guiadas seguirán os pasos da fotógrafa pola cidade de Compostela, que visitou cinco veces entre 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society.
Esta iniciativa forma parte do programa Patrimonio C, que busca valorizar o patrimonio cultural inmaterial da cidade e dar a coñecer figuras e proxectos fundamentais na construción da súa memoria histórica. Louzao destacou que o traballo de Ruth Matilda Anderson ofrece un «relato visual imprescindible de Galicia», cunha técnica impecable e unha sensibilidade que capturou a complexidade social da comunidade galega a comezos do século XX, rompendo con estereotipos do país. O paseo permitirá revisar o legado dunha muller que enfrontou múltiples prexuízos, ofrecendo unha nova maneira de observar Galicia.
Xiana Iglesias, socia da cooperativa Maos Innovación Social, que organiza o paseo, sinalou que «Ruth e o Leviatán» achega aos participantes a un dos traballos de fotografía documental máis extensos sobre Galicia. Ademais das fotografías e os lugares que Anderson retratou, o percorrido incluirá anécdotas e reflexións extraídas do seu libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruna e do diario do seu pai. O título «Ruth e o Leviatán» fai referencia ao nome que Anderson deu a unha das súas pesadas cámaras fotográficas que levou a Galicia.
O itinerario inclúe 12 paradas en lugares emblemáticos como a praza de Fuenterrabía, o Toural, Mazarelos, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, a praza de Abastos, Casas Reais, a Quintana, o pazo de Fonseca, e outros puntos da cidade, nun percorrido de preto de dúas horas. Durante o paseo, mostraránse fotografías de Ruth Matilda Anderson e outras da época, incluíndo algunhas que nunca foron publicadas en Galicia e catro totalmente inéditas. A primeira sesión terá lugar o xoves 26 de setembro ás 19 horas, coincidindo co centenario da súa primeira visita a Compostela. As seguintes serán o venres 27 no mesmo horario, e o sábado 28, en dúas quendas, ás 11:30 e ás 17:00 horas. A participación é de balde, con prazas limitadas a 30 persoas por grupo, e será necesario inscribirse a través dun formulario en liña no portal ruthmatilda.gal. O paseo seguirase cun sistema de radio-guía e auriculares, polo que se recomenda traer os propios.
A partir de outubro e até final de ano, o percorrido poderá realizarse de xeito autoguiado mediante narracións dispoñibles en audio e texto, en galego e inglés, no portal ruthmatilda.gal, que tamén ofrece 41 fotografías e detalles da viaxe. As paradas estarán sinalizadas no chan con códigos QR que permitirán acceder á narración. Esta versión autoguiada tamén é de balde e só require un dispositivo móbil e auriculares.
«Ruth e o Leviatán» é un proxecto do Concello de Santiago, desenvolvido pola cooperativa Maos Innovación Social en colaboración coa Hispanic Society of America, propietaria dos dereitos de autoría da obra de Ruth Matilda Anderson.