27 septiembre, 2024
Turismo de Santiago participa na JATA, a principal feira turística de Xapón, que se celebra en Tokio do 26 ao 29 de setembro. Este mercado é estratéxico para a cidade galega debido ao elevado gasto medio diario dos turistas xaponeses, que en 2023 alcanzou os 500 euros por persoa, segundo datos da Enquisa de Gasto Turístico do INE. O turismo xaponés experimentou un crecemento notable no conxunto do Estado en 2023, cun aumento do 150% en comparación co ano anterior, atraendo máis de 300.000 visitantes do país nipón.
A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, representa á cidade na JATA, onde a entidade conta cun mostrador no Stand de España. Alén de participar na feira, Turismo de Santiago mantén múltiples reunións con profesionais do sector turístico xaponés, interesados en organizar paquetes vacacionais na capital galega. Ademais, xa asistiron a un Workshop organizado pola Oficina Española de Turismo, previo ao comezo da feira, co obxectivo de contactar cos principais turoperadores e axencias de viaxes do Xapón.
Turismo de Santiago tamén aproveita a súa presenza na JATA para dirixirse a outros mercados asiáticos, como o coreano, que ten un impacto crecente na cidade. En 2023, Santiago entregou 7.563 Compostelas a peregrinos coreanos, situando a Corea do Sur no noveno lugar por número de Compostelas concedidas.
Paralelamente, a cidade de Tanabe, coa que Santiago colabora dende hai anos, promociona o Kumano Kodo e o Camiño de Santiago no seu propio stand. Un dos maiores atractivos desta colaboración é o Pasaporte Dual, un recoñecemento para aqueles que percorren ambos camiños declarados Patrimonio da Humanidade. Neste setembro, Tanabe celebrou o 20 aniversario da declaración do Kumano Kodo como Patrimonio da Humanidade, con participación de Compostela a través dun vídeo da alcaldesa Goretti Sanmartín, resaltando o traballo conxunto de promoción entre as dúas cidades.