8 julio, 2025
Máis de 150 especialistas e representantes de entidades sociais participarán os días 10 e 11 de xullo no Congreso internacional sobre ‘Migracións e refuxio en Europa: Aprender a servir dende a universidade’, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur da USC en formato híbrido. Este encontro está organizado polo grupo de investigación Esculca e pecha o programa Erasmus + ‘Mobilising university-community resources through SL(M) for the inclusion of migrants/refugees (APs(M))’.
O congreso centrará o seu análisis nos desafíos e oportunidades que presentan as migracións e o refuxio no contexto europeo actual, destacando o papel mobilizador que poden ter as universidades para ofrecer recursos axeitados e fomentar un compromiso social efectivo. A aprendizaxe-servizo, unha metodoloxía de innovación educativa orientada ao desenvolvemento de competencias cognitivas, sociais e cívico-morais, será un dos eixos principais do debate.
O acto inaugural terá lugar o xoves 10 de xullo, presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e contará coa presenza da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta, Román Rodríguez González; o director xeral de ACCEM, Enrique Barbero Rodríguez; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo Moledo; e o presidente do Comité Organizador, Miguel A. Santos Rego.
Entre os participantes figuran tamén académicos de universidades europeas como a do Porto, Ludwig-Maximilians-Universität (Alemaña), Università di Verona (Italia), University of Galway (Irlanda), así como da UNED e a USC, ademais de representantes de entidades sociais como ACCEM, Glocal Factory e Buurtcampus. Tamén intervirán representantes institucionais como Corinna Ullrich, da Dirección Xeral de Migración e Asuntos de Interior da Comisión Europea; Mónica López, directora xeral da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR); e Graine O’Hara, de ACNUR en España e Andorra.