2 julio, 2024
Durante os meses de verán, o Concello de Santiago ofrecerá unha serie de actividades de sensibilización ambiental co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre o respecto ás zonas verdes e os beneficios da súa xestión sostible. As actividades, dirixidas a todas as idades, desenvolveranse no CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns de Compostela), localizado no parque de Belvís, e terán lugar de luns a venres, cunha duración de 2-3 horas, comezando ás 11:30 da mañá. Todas estarán conducidas por educadores/as ambientais e adaptaranse segundo a idade e coñecementos dos asistentes.
Así, entre as propostas, atopamos ‘Expedición botánica na procura de plantas medicinais e culinarias’, que suporá un itinerario en busca de plantas con usos medicinais ou culinarios presentes na contorna do CIPX. Explicaráselle aos asistentes a multitude de usos destas plantas. Desde a Prehistoria, as especies vexetais recollíanse para tratar diversos problemas de saúde e moitas delas poden empregarse para a alimentación, elaborando menús orixinais e saudables.
En ‘As carballeiras de Compostela’, reivindícase o papel das carballeiras ao centrarse no concepto de bosque, o seu funcionamento, os seus beneficios e a importancia da súa conservación, mentres que o obradoiro de horticultura creativa en espazos pequenos permitirá practicar diversas técnicas para o cultivo en testos, xardineiras e diferentes recipientes, que os participantes poderán levar para casa para seguir coidando das súas plantas. Ensinarase a preparar a terra para mellorar o crecemento das hortalizas, realizar correctamente a plantación ou a sementeira, os mellores modos de rega, mellorar os fertilizantes e os diferentes labores de mantemento dos cultivos.
Nun obradoiro de construcións de hoteis para insectos, os asistentes construirán cadanseu hotel para insectos como refuxio de especies beneficiosas, que levarán con eles para que o coloquen onde desexen. .
Tamén haberá roteiros guiados polos espazos verdes da cidade, nos que as persoas interesadas poderán redescubrir as áreas naturais pola beira dos ríos e polos montes de Santiago. As datas e puntos de encontro para estes roteiros variarán, con diversas opcións dispoñibles en xullo, agosto e setembro, partindo desde o CIPX, o Multiúsos de Sar, e o Campo Municipal de Santa Isabel.