18 junio, 2024
Maker Faire Galicia celebra neste 2024 a súa décima edición, estreando un formato innovador. Este curso, o evento, un dos máis destacados do mundo maker en Europa, estenderase durante varios meses, con tres xornadas independentes dedicadas a tres temáticas fundamentais: emprendemento e innovación social, oficios e artesanía, e industria, sendo o seu inicio o próximo 29 de xuño en Área Central.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou a X edición da Maker Faire Galicia nunha rolda de prensa na que tamén participaron o coorganizador do evento, Marcos Saavedra; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora do IGAPE, Covadonga Toca; e a xerente de Área Central, Sara Castedo.
Neste senso, a tenente de alcalde lembrou que «o Concello de Santiago mantén unha estreita colaboración co mundo maker, que estamos a reforzar con iniciativas novidosas que nos permitirán visibilizar o talento e a creatividade que temos en Santiago», poñendo o acento en que a primeira xornada da Maker Faire se celebre en Área Central, «un espazo que reivindicamos como comercio de proximidade, lonxe dos formatos de centros comerciais, e que iniciativas coma esta axudan a revitalizar».
Pola súa banda, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais Pablo Fernándezr eferiuse especialmente á xornada que terá lugar o próximo 29 de xuño, centrada na innovación social e no emprendemento, con relatorios, talleres e presentacións de case medio cento de proxectos. Tamén mencionou a xornada do 8 de novembro, que se celebrará coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, enfocada na innovación na artesanía e nos oficios, promovendo a aprendizaxe interxeracional e destacando a importancia de preservar o coñecemento tradicional.
Fernández resaltou apoios da Xunta, como a Rede de Polos de Emprendemento, que conta actualmente con 13 centros activos que ofrecen asesoramento continuado e gratuíto ás persoas emprendedoras en calquera fase do seu proxecto, desde o inicio ata a consolidación. O persoal técnico desa Rede, segundo indicou, encárgase de orientar na creación de novos negocios e na implementación de cambios, apostando pola innovación como clave para o éxito das iniciativas.
Marcos Saavedra, coorganizador da Maker Faire, agradeceu que o evento «manteña os apoios cos que naceu hai 10 anos, e sen os que non podería medrar como medrou». Ademais, explicou que o novo formato desta décima edición «procura que se fale da Maker Faire durante todo o ano, e facilítanos traer máis ponentes». Este mostrouse moi satisfeito «coas temáticas elixidas, diferentes doutras edicións, e que teñen en conta problemáticas e retos nos que os makers tamén temos moito que achegar».
XORNADAS E OBRADOIROS
A primeira das xornadas da Maker Faire celebrarase en Área Central o 29 de xuño, estando centrada na innovación social e o emprendemento, con charlas, obradoiros e presentacións de máis de 45 proxectos nas categorías de Minimakers, Makers, Divulgación e Innovación Social. O evento arrancará ás 10,00 horas, e ao longo de toda a xornada sucederanse charlas de diferentes persoas referentes e presentacións de proxectos impulsados tanto desde o sector público como do privado, finalizando este cunha entrega de premios e o concerto de Mary Iglesias.
Tamén a Concellería de Promoción Económica participará na xornada do día 29 impulsando unha serie de actividades paralelas, como obradoiros de tatuaxe, stencil, cúpulas xeodésicas, origami matemático ou pintura de pezas 3D. Tamén haberá escape room, monólogos científicos e mesmo espectáculos de maxia vinculados á tecnoloxía.
Tras a xornada do 29 de xuño, a Maker Faire volverá cunha xornada dedicada aos oficios, o 8 de novembro, na sede da Fundación Laboral da Construción, coa participación de Artesanía de Galicia, mentres que o 13 de decembro, e coa colaboración do IGAPE, celebrarase unha xornada dedicada á innovación no ámbito da industria, que se desenvolverá no Biopolo Sionlla.
Todas estas actividades serán de balde, habendo tamén servizo de ludoteca para as crianzas.