28 noviembre, 2025
A rede de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela prepara un Nadal cargado de actividades para todos os públicos, con máis de trinta obradoiros que suman preto de 1.500 prazas e unha variada programación de artes escénicas. Entre as propostas destaca a repetición do programa “Matinais de Nadal”, en colaboración coa Concellaría de Medio Rural, que manterá abertas aulas e espazos de xogo en horario de 9:30 a 14:30 a partir do 22 de decembro.
As “Matinais de Nadal” son actividades gratuítas destinadas a encher o tempo de lecer dos máis pequenos durante as vacacións, celebrándose os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro. Na zona urbana, o programa terá lugar nos centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta e Vite, sen necesidade de inscrición previa. Nas parroquias, con apoio da Concellaría de Medio Rural, os obradoiros realizaranse nos centros de Gracia, Bando, Figueiras, Lavacolla, Marrozos e Nemenzo, con 25 prazas en cada un deles, e requirirán inscrición previa entre o 1 e o 10 de decembro.
A oferta de obradoiros abarca todas as idades. Para o público infantil, haberá obradoiros de cociña en Conxo, Vite, O Romaño, A Peregrina, Fontiñas e O Castiñeiriño, así como obradoiros artísticos en locais como Romaño, Casa Agraria, Nemenzo, Vidán, Santa Marta, Figueiras, Ensanche, Bando, Villestro, Marantes e San Lourenzo. Nestes casos, poderán participar nenos e nenas a partir dos 6 anos, ou desde os 5 anos acompañados.
Para o público familiar, ofrécense “obradoiros express” para a elaboración de adornos de Nadal en centros como Conxo, Casa Agraria, Lavacolla, Marrozos, Vite, Romaño, O Eixo, Amio, A Gracia e Villestro, cunha capacidade de 50 prazas por centro. As persoas adultas poderán participar en obradoiros de petiscos de Nadal, elaboración de centros de mesa con elementos naturais e creación de velas e xabón, con 12 prazas dispoñibles en cada centro.
O prazo de inscrición para participar xa está aberto. Nas actividades dos centros da zona rural, Sar e A Rocha, a inscrición realízase na Casa das Asociacións de Cornes ou no teléfono 981 542350. Nos demais casos, a inscrición farase directamente nos centros socioculturais de referencia.
A programación de Nadal complétase con visitas da Apalpadora e do Paxe do Nadal, así como con espectáculos de monicreques, circo, narración oral, música, teatro e maxia, garantindo unha oferta variada e inclusiva para toda a cidadanía.