6 julio, 2025
A Universidade de Santiago de Compostela inaugura este luns, 7 de xullo, ás 12.00 horas no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca a exposición ‘Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao’, unha mostra que forma parte do programa conmemorativo do Ano Castelao 2025 e que permanecerá aberta ao público ata o 30 de agosto.
A exposición céntrase na presenza do traxe tradicional galego na obra gráfica e pictórica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, símbolo indiscutible da identidade cultural e nacional de Galicia. A mostra está organizada pola USC e conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e a Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
O acto de inauguración estará presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias Fernández, e contará coa participación do deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas Corral; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; e o presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, José Luis Rodríguez.
A mostra inclúe máis de 50 manequíns recubertos en liño do país, con base de madeira e brazos articulados, vestidos con reproducións exactas dos traxes tradicionais galegos representados nas obras de Castelao —óleos, acuarelas, gravados e bosquexos—. Cada figura irá acompañada de utensilios, antigüidades e outros elementos que axudan a contextualizar a escena representada.
O percorrido expositivo complétase con reproducións da obra gráfica de Castelao, paneis informativos sobre as pezas expostas, vitrinas con documentos e materiais históricos, ourivería tradicional e un audiovisual que se proxectará na propia sala para profundar na relación entre arte, indumentaria e identidade.
A exposición poderá visitarse de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, e pretende ser unha homenaxe á capacidade de Castelao para expresar a alma dun pobo a través da súa estética, os seus símbolos e, moi especialmente, da súa vestimenta tradicional.