3 mayo, 2024
Crece a expectación segundo se aproxima unha Festa do Banquete de Conxo que terá lugar os días 24, 25 e 26 de maio cun amplo programa de actividades para a veciñanza ao que, ademáis, uniranse algunhas novidades de cara a esta edición. Así o comunicaron os concelleiros Pilar Lueiro e Xan Duro, que presentaron dúas novas propostas para todos os públicos que terán lugar o sábado 25 de maio.
Así, por unha banda, Lueiro anunciou a suma ao programa da Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes e que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre, unha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis, na que se dará «a posibilidade de realizar a proba de xeito individual ou grupal, favorecendo a participación de familias» e que «transcorrerá polos terreos do propio bosque do Banquete», según explicou,
Para participar, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante, a partir do vindeiro luns 6 de maio na páxina web xestanatureza.com.
«Queremos con esta actividade amosar o bosque doutro xeito, dalo a coñecer e achegalo máis aos cidadáns que ao mellor aínda non tiveron a ocasión de descubrilo a fondo e por suposto favorecendo unha actividade saudable para todos os públicos», engadiu Pilar Lueiro.
Xunto con ista novidade, a segunda chegará da man da Festa da Poesía, organizada dende a concellería de Centros Socioculturais e que se celebrará o sábado 25, a partir das 21 horas, nun evento que o titular do departamento, Xan Duro, valorou como a recuperación da «esencia do Banquete de Conxo de 1856, que foi un encontro revolucionario tamén da man da poesía, dos brindes que pronunciaron Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane que foron uns textos subversivos, de reivindicación da democracia e da igualdade, e cos que se mostraba o poder da palabra como arma social».
Así, no apartado poético, están previstas as actuacións da compostelá Sara Porto Puente, premiada o ano pasado no certame Xuventude Crea; e a da viguesa Branca Trigo, que tén xa no seu haber diferentes premios e tén participado en varias publicacións colectivas.
En canto á música, polo escenario pasarán Filloas, un dos grupos do Centro Xove da Almáciga, C. Mirazo co seu trap en Galicia e en galego; e Ash Diz, artista de Ourense que explora a fusión entre a música tradicional e urbana, que ten colaborado con artistas como Berto, Fillas de Casandra, ou Sheila Patricia, e que opta nesta edición a un dos premios Martín Codax da Música, na categoría de Música Urbana.