20 octubre, 2025
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, destacou hoxe “unha das aportación máis importantes para Santiago por parte do Goberno galego, os 82 millóns de euros que se investirán na creación da Fábrica Europea de IA en Santiago, o que supón o avance máis importante para mudar a economía da cidade”.
“Trátase dun fito histórico, -explicou Verea- que suporá a aceleración da investigación e a innovación no ámbito da saúde, xa que se trata dunha das seis factorías que se veñen de conceder en Europa, e das que só existía unha en España e 13 en todo o continente, o que supón un importantísimo proxecto, que vincula as áreas da biotecnoloxía e a intelixencia artificial e que nos sitúa na elite neste ámbito en Europa”.
“Esta iniciativa inclúe a adquisición de infraestruturas de supercomputación avanzadas e unha plataforma experimental de IA optimizada, polo que a fábrica de IA permitirá impulsar a creación e fortalecemento de startups, mellorar a competitividade das empresas, atraer talento e crear emprego”, indicou o popular.
Esta fábrica de IA estará centrada no ámbito da saúde baixo o nome 1HealthAI e grazas a ela, adquiriranse un novo supercomputador específico para intelixencia artificial e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental e prestaranse servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.
“Os principais ámbitos de actuación da fabrica -indicou- inclúen a medicina personalizada, o envellecemento saudable, a xestión dos recursos mariños, a biotecnoloxía azul, a agricultura, a gandaría, o sector forestal, os alimentos funcionais, os nutracéuticos, o desenvolvemento farmacéutico e de vacinas, a biotecnoloxía ambiental, a economía circular e a bioenerxía”.
Por outra banda remarcou o líder popular, o Goberno galego tamén investirá 56 M € nas novas instalacións do Cesga, que se construirán, concretamente no polígono da Sionlla, e que serán o primeiro proxecto estratéxico de investigación pública de Galicia, “polo que -indicou Verea- Santiago se contará con novos equipamentos de vangarda, que mellorarán as súas capacidades, consolidarán o seu liderado internacional, atraerán novos fondos e investigadores e, tamén, fomentarán a I+D+i e a competitividade”.
“Con estas novas infraestruturas, que estarán rematadas no vindeiro verán, dáse un impulso a atracción de novos investimentos nacionais e internacionais e ao fomento da innovación, internacionalización e competitividade”, subliñou.
A construción deste edificio foi considerado como proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública de Galicia, unha nova figura creada este ano polo propio Goberno autonómico a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, o que permite axilizar o proceso e simplificar os trámites administrativos.
Capitalidade
Así mesmo, Borja Verea celebrou a subida da aportación, por parte da Xunta de Galicia, no capítulo destinado ao Estatuto da Capitalidade para Santiago de Compostela no seus orzamentos, xa que pasou de 2,4 millóns de euros a 3 M €, o que supón un incremento do 25% en dous anos, é dicir, aumentou sete veces máis que o propio orzamento da Xunta.
“Con estes datos -asegurou Verea- o Goberno galego está a amosar que mantén un importante compromiso coa cidade, ao mellorar a cifra do Estatuto da Capitalidade, tal como lle solicitei hai uns días”. Así mesmo, o popular lembrou que xa o pasado exercicio o Estatuto de Capitalidade tivo a maior subida dos últimos quince anos”.
O líder popular insistiu en que “a suba na aportación ao Estatuto da Capitalidade é o recoñecemento da Administración autonómica, liderada por Alfonso Rueda, á nosa cidade como capital de Galicia, pero non só como unha capitalidade legal senón, sobre todo, como unha capitalidade sentimental, destacando a importancia de ser a cidade de todos os galegos”.
“Sabemos -agregou Borja Verea- que toda cantidade nunca será suficiente, pero será á veciñanza compostelá a que decidan quen está conseguindo cousas e quen está embarrando e instalándose en liortas inútiles”.