22 septiembre, 2024
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, destacou a importancia do proxecto do carril bici e peonil que unirá Milladoiro con Santiago, asegurando que este “é o maior investimento que se está a facer hoxe en Compostela e suporá un antes e un despois na mobilidade da capital de Galicia”. Durante a súa intervención, Verea defendeu a relevancia deste proxecto para a transformación da cidade e subliñou que se trata dunha iniciativa clave para seguir os modelos de mobilidade europeos máis avanzados.
Verea recordou que este proxecto foi unha das súas prioridades desde o inicio, malia as críticas recibidas por parte do goberno local e os seus socios, que cualificaron a idea de “ocorrencia”. “Dicíanme que non se ía facer, que era imposible, e aí está, estase executando”, afirmou o líder popular, quen tamén ironizou sobre o feito de que, unha vez finalizada a obra, “todos quererán levar os méritos”.
O popular salientou que esta senda ciclista e peonil foi un proxecto que levaba dúas décadas en discusión sen avances reais, e que foi el quen impulsou a súa execución desde o Parlamento e a Xunta de Galicia. Ademais, recalcou a importancia de cumprir a normativa durante a súa execución, insistindo en que todas as administracións implicadas deben respectar as regulacións para garantir un resultado de calidade. “É vital que este proxecto se faga ben, legalmente, cumprindo todas as normativas, para que poidamos desfrutalo todos”, engadiu.
Sobre as propostas doutros partidos para modificar o trazado, Verea foi contundente, argumentando que “estes novos modelos de mobilidade alternativa funcionan cando hai continuidade”. Criticou os proxectos incompletos como os de Fontiñas ou Clara Campoamor, indicando que “este trazado é o único que garante a continuidade, e espero que se faga con todas as garantías”.
Verea tamén alertou sobre a tentación do goberno local de deixar o proxecto a medias ou mal feito, afirmando que sería un grave erro. “Estes proxectos hai que rematalos completamente, e sempre cumprindo a normativa”, reiterou.
Por último, o líder popular subliñou que os seus votantes apoiarán iniciativas transformadoras que melloren a cidade: “Quen vote polo Partido Popular de Santiago, vai votar por proxectos reais e transformadores que sigan os modelos de mobilidade máis avanzados de Europa”.