21 octubre, 2025
Compostela se prepara para acoller un evento musical singular o próximo 30 de outubro na Sala Capitol: Barry B, un dos nomes máis relevantes do pop alternativo estatal, ofrecerá un concerto gratuíto que pechará a xornada, na que tamén participarán bandas locais vinculadas aos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga. A iniciativa enmárcase nos Orzamentos Participativos da área de Mocidade e reflicte dúas das propostas máis votadas polo público xuvenil no proceso “Compostela Decide”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a actividade nunha rolda de prensa na que tamén participaron Guillermo Vistoso, mentor das bandas do Centro Xove; Enric Pellicer, da banda Amaramar; e Alberto Alfonso Vázquez, da produtora Artmusic. Rozas destacou que o programa “permítenos traer unha proposta moi atractiva para a mocidade, pero sobre todo poñer en valor o talento local, as bandas que ensaian no Centro Xove e o traballo que se desenvolve no equipamento da Almáciga”.
O concerto do 30 de outubro combina dúas iniciativas do proceso participativo: a actuación dun artista de renome e a promoción de bandas locais. Barry B, natural de Aranda de Duero, comezou a súa carreira musical en 2021 e actualmente supera o millón de escoitas mensuais en Spotify. O pasado ano publicou o seu primeiro disco, Chato, e recentemente deu a coñecer o single Infancia mal calibrada, avance do seu próximo traballo discográfico. Segundo explicou Alberto Alfonso Vázquez, “trátase dun dos artistas novos con maior proxección do Estado, cunha proposta súperexplosiva, e do que estou seguro de que en dous ou tres anos presumiremos de telo tido en Santiago nunha proposta coma esta”.
Antes da actuación de Barry B, subirán ao escenario tres bandas galegas referentes da música actual, vinculadas ao Centro Xove da Almáciga: Ginko Biloba, Futuro Alcalde e Amaramar. Estes grupos forman parte do festival “Música no atardecer”, outra das propostas seleccionadas nos Orzamentos Participativos de Mocidade, e actuarán de balde a partir das 19:30 horas. Enric Pellicer, de Amaramar, agradeceu a oportunidade e destacou “todas as facilidades que temos as bandas de Santiago grazas ao Centro Xove, que nada teñen que ver co que acontece noutras cidades”.
Os concertos son gratuítos, pero será necesario retirar previamente a entrada. Os convites estarán dispoñibles desde mañá ata o venres no Centro Sociocultural do Ensanche, en horario de 16:30 a 21:30; e os días 27, 28 e 29 de outubro no Centro Xove da Almáciga, de 10:00 a 16:00 e de 16:00 a 22:00 horas. O acceso está reservado a maiores de 16 anos, e os menores deberán asistir acompañados dun pai, nai ou titor. Hai preto de 800 entradas dispoñibles, cun límite de dúas por persoa.