21 octubre, 2025
ARS LACHRIMAE
Unha historia do laúde
ENRIKE SOLINIS laúde barroco / archilaúde / laúde renacentista / guitarra barroca
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Mércores 22 outubro 2025
20.30h
O título do recital, Ars Lachrimae, toma como primeira referencia a maxistral e inspiradísima pavana de John Dowland. En termos estéticos, este programa para laúdes de Enrike Solinis supón unha reflexión fonda e primixenia sobre os afectos musicais, reflexo e paradoxo do ser humano, tan presentes en moitas creacións dos grandes mestres do Barroco, os que nas súas diferentes sensibilidades musicais e perspectivas estilísticas, temporais, humanas, xeográficas, laborais… están magnificamente representados neste Ars Lachrimae. Co seu laúde barroco, o seu arquilaúde, o seu laúde renacentista e a súa guitarra barroca, Enrike Solinis comparte en Ars Lachrimae unha parte da enorme variedade da familia dos laúdes; instrumentos de cuxa herdanza, dende a chegada a Europa de mans dos músicos árabes da Península Ibérica, da tradición dos seus tanxedores que sempre souberon transmitir o espírito fugaz de cada época e de acubillar grandes ideas dende a soidade do seu pequeno instrumento, da súa flexibilidade para a arte da adaptación, dan cumprida conta autores ingleses (John Johnson, John Dowland), españois (Alonso Mudarra, Luys de Narváez, Gaspar Sanz), franceses (Robert de Visée, Sainte-Colombe, Couperin LeMoyne) ou o mesmísimo Johann Sebastian Bach nestas suites, danzas e composicións seleccionadas por Enrike Solinis para deseñar a súa particular e persoal historia do laúde. Ars Lachrimae é unha patente demostración da sensibilidade do seu intérprete, recoñecido especialista en instrumentos de corda pulsada, virtuoso laudista; un artista atraído pola música de diferentes culturas, rexións e épocas que atesoura unha intensa, persoal e singular carreira que o ten levado a colaborar coas máis reputadas agrupacións de música antiga, compartindo a súa sobresaínte técnica e a súa versatilidade expresiva en prestixiosos escenarios, e a fundar o seu propio conxunto, o Euskal Barrokensemble que supón outra proba máis da rica diversidade da personalidade musical de Enrike Solinis.
PROGRAMA
Flat Pavan / Flat Gallard John Johnson (1545-1594)
Pavana Alonso Mudarra (1510-1580)
Romanesca Luys de Narváez (1503-1547)
Urzo luma / Kontradantza Anónimo
Preludium John Dowland (1563-1626)
A Fancy
Suite BWV 997 Johann Sebastian Bach (1685-1750)
_Preludio
_Fuga
_Sarabande
_Double & Gigue
Suite en la menor Robert de Visée (1655-1732)
_Prelude
_Allemande
_Mascarade
_Le pleurs Monsieur de Sainte-Colombe (1640-1700)
_Chacona Robert de Visée (1655-1732)
Suite en Sol Maior Robert de Visée (1655-1732)
_Preludio
_Allemande Étienne Le Moyne (1610-1677)
_Le Sylvains François Couperin (1668-1733)
_Forlane
_Air de Zephirs Jean-Philippe Rameau (1683-1764)
_Les Bergeries François Couperin (1668-1733)
_Chacona Robert de Visée (1655-1732)
Marionas e Canarios Gaspar Sanz (1640-1710)
ARS LACHRIMAE
O título do programa do recital, Ars Lachrimæ, toma como primeira referencia a maxistral e inspiradísima pavana de John Dowland. En termos estéticos é unha reflexión fonda e primixenia sobre os afectos musicais, reflexo e paradoxo do ser humano. A peza é paradigma de como a riquísima tradición musical renacentista verteu os seus últimos caprichos musicais no laúde e de como autores, como o inglés John Dowland, dotaron ao seu instrumento dun carácter musical propio e unha base idiomática. Compositores posteriores, aínda non sendo expertos tanxedores do laúde, souberon utilizar ese carácter como catalizador da súa creatividade: un pathos íntimo, doce e melancólico, que podemos remontar á mesma chegada ao sur de Europa de mans dos músicos árabes da Península Ibérica. Os instrumentos de corda pulsada, co seu efémero son, souberon sempre transmitir nitidamente o espírito fugaz de cada época: acompañar fielmente ao guerreiro desterrado, aplacar as queixosas miserias do amante resentido, pero tamén elevar até o disparate o seu sentido festivo. Os tanxedores de laúde teñen formado durante séculos un escollido sindicato de músicos capaces de acubillar grandes ideas dende a soidade do seu pequeno instrumento; o seu idealismo transfigurador e caprichoso quixo facer súas as obras máis inspiradas de cada época mediante a arte da adaptación, que lles permitiu atraer ao seu mundo a autores en principio alleos ao instrumento como Georg Friedrich Haendel, Domenico Scarlatti ou ao mesmísimo Johann Sebastian Bach. Outro trazo singular do laúde é ter gozado dun enorme número de modelos, variantes e afinacións, que teñen convivido ao longo de súa dilatada historia. Por isto, a elección dun instrumento específico é unha primeira decisión interpretativa relevante. Na miña opinión –e en particular á vista das tonalidades elixidas por Johann Sebastian Bach para as súas principais obras para laúde (como as BWV 995, 997 e 999)–, o instrumento idóneo para tocar a súa música é o laúde coa afinación histórica máis convencional, isto é, a do laúde renacentista: sol, re, la, fa, do… Trátase do laúde doméstico por definición na Europa do Barroco e resulta doado pensar, coa música de Bach na man, que aínda sen ser el especificamente un laudista profesional, si o tanxía con certa destreza e coñecía polo miúdo o instrumento o suficiente para poder escribir para este instrumento obras interpretables con relativa facilidade.
Enrike Solinis
ENRIKE SOLINIS laúde barroco / archilaúde
Nacido en Bilbao en 1974, realizou os estudos superiores de guitarra e música antiga no Conservatorio J. C. Arriaga da súa cidade natal e na Escola Superior de Música de Cataluña, respectivamente. Obtivo o Posgrao de Concertista Cum Laude das mans do mestre José Tomás e foi premiado en numerosos concursos internacionais de guitarra como o Concurso Internacional de Comillas, o Concurso Internacional Ataulfo Argenta ou o Concurso Internacional Andrés Segovia, entre outros. Sempre se sentiu atraído pola música de diferentes culturas, rexións e épocas, reflexando esta diversidade na súa traxectoria e personalidade musical, que, unida á súa capacidade técnica e expresiva, fai que moitos o consideren un dos máis destacados e máis persoais virtuosos da súa xeración. Durante anos ten sido convidado como solista e continuista por prestixiosas formacións musicais especializadas en música antiga do talle de Hesperion XXI, Le Concert des Nations e Capella Reial de Catalunya (Jordi Savall), Concerto Vocale e Akademie für Alte Musik Berlin (René Jacobs), Le Concert D’Astrée (Emmanuelle Haïm), The Rare Fruits Council (Manfredo Kraemer), entre outras, percorrendo boa parte dos escenarios máis significativos de Europa e América: Carnegie Hall de New York, Konzerthaus Berlin, Champs Elysées de París, Theater an der Wien, Barbican Center en Londres, Sala Nezahualcoyoti de México, o Festival Leo Brouwer de La Habana, etc. En 2006 decide crear en Bilbao o seu propio grupo, Euskal Barrokensemble, e desenvolver as súas ideas xunto con este grupo de músicos con quen, dende unha perspectiva moi persoal, con frescura e proximidade nunha interpretación chea de vida e sentido que deixa un espazo importante á improvisación e recrea a música de moi diferentes épocas, ten logrado facerse un oco no panorama internacional da música antiga. As súas gravacións servíronlle como trampolín para actuar nos teatros e festivais máis importantes: Viena Konzerthaus, Ludwigsburg Festival, Fontfroide Festival, Stockholm Early Music Festival, Spring Festival Prague, Bilboko Musika-Mísica, Quincena Musical de San Sebastián, Auditorio Nacional de Madrid, Brujas Konzertgebouw, Regensburg Festival, Montreal Baroque, Festival de Música Antigua de Sevilla, Flamenco Bïennale Nederland, NDR das Alte Werk, Fontfroide Abadía Festival etc.