3 mayo, 2024
As reflexións e propostas xurdidas da man do tecido asociativo durante cinco sesións de traballo ao redor do 8M foron postas en común nun encontro na Casa Xohana Torres coas participantes proxecto Termo Feminista de Compostela, unha cita á que tamén acudiron a alcaldesa Goretti Sanmartín, a tenente de alcaldesa María Rozas, e as representantes dos grupos municipais Mercedes Rosón (PSdG), María Baleato (PP) e Olaya Otero (PP).
«Nas sesións de traballo destacouse a necesidade de manter espazos de encontro, diálogo e escoita activa, como os do Termo Feminista, para seguir a compartir inquedanzas das mulleres de Compostela en canto aos servizos públicos, investigación histórica, visibilización feminista, espazos e horarios que favorezan a conciliación e o comercio de proximidade, entre outros.», destacou o Concello, que busca «aproveitar a forza do 8M para reactivar, poñer en valor e visualizar as iniciativas da veciñanza que axudan a construír unha Compostela máis igualitaria» a través desta proposta de creación artística comunitaria.
Por outra banda, este sábado 4 de maio celebrarase un acto aberto e participativo co nome de «Celebremos o termo feminista de Compostela» ás 17.30h na sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, onde participarán as poetas Aranxa Vicens, Marga Tojo e Yamini T. Prabhu, xunto coa música Paula Ferraz, e «calquera persoa terá a posibilidade de ler un texto ou dicir unhas palabras que poidan axudar a facer medrar o Termo Feminista».