23 abril, 2024
O levantamento militar do 25 de abril de 1974 en Portugal, denominado en portugués Revolução dos Cravos, supuxo a caída dun réxime político ditatorial imperante no país veciño dende o ano 1926.
Agora, con motivo do 50 aniversario deste acontecemento, a USC organiza toda unha serie de actividades que darán inicio este mesmo martes.
As tres xornadas que compoñen a primeira parte deste programa, adicado á literatura, música e Galicia, desenvolveranse os días 23, 24 e 25 de abril. A primeira, hoxe, martes 23 de abril, ás 13.00 horas, terá lugar na sala de graos da Facultade de Filoloxía e nela a profesora Izabel Margato analizará os textos literarios que dalgún modo anticipaban a futura revolución.
Xa o mércores 24 de abril, ás 10.30 horas na sala de actos de Filoloxía, o escritor e ex militar Xosé Fortes e a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo conversarán con Áurea Sánchez e Joel Gômez acerca de como se viviu o 25 de abril do outro lado do río Miño.
Por último, a terceira xornada, coa que conclúe esta parte do programa dedicada á cultura, iniciará o xoves 25 de abril ás 10.30 na sala de actos de Filoloxía, onde será presentado o volume 50 anos de Abril na Galiza por parte dos coordinadores, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samarti. Ás 11.00 horas, o músico e médico Rui Pato contará a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a José Afonso, o autor da canción ‘Grândola, Vila Morena’ que serviu para iniciar a mobilización do 25 de abril, mentres que e Adriano Correia de Oliveira falará acerca das súas vivencias como médico militar que estivo presente nas rúas de Lisboa nesa mesma data.