18 septiembre, 2024
O Ciclo de Cinema Filosófico, organizado polo Cineclube Mazarelos da Facultade de Filosofía, retoma este mércores, 18 de setembro, as súas actividades cunha nova proxección. Nesta ocasión, o filme elixido é «Dr. Strangelove or: How I Learned to Stop Worrying and Love the Bomb» (1964) (máis coñecida no noso país como «¿Teléfono Rojo? Volamos hacia Moscú») , unha obra mestra de Stanley Kubrick que será proxectada en versión orixinal no Salón de Actos da Facultade de Filosofía a partir das 18:00 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo.
Este ciclo de cinema, xa consolidado como un referente cultural no ámbito universitario compostelán, enmárcase no proxecto ‘Cultura en Mazarelos’ da Facultade de Filosofía, co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais, ofrece ao alumnado a posibilidade de obter dous créditos ECTS pola súa participación.
«Dr. Strangelove», unha sátira política sobre a Guerra Fría e a ameaza nuclear, é un filme que, malia ser estreado hai case 60 anos, segue sendo tremendamente relevante polos seus comentarios irónicos sobre o poder, a paranoia e a destrución mutua. A elección deste filme para iniciar o ciclo deste curso subliña a vontade do Cineclube Mazarelos de unir o cinema e a reflexión filosófica sobre temas universais e contemporáneos.