17 septiembre, 2024
A Facultade de Enfermaría de Santiago acolleu este martes o inicio da campaña especial de doazón de sangue «Non perdas este bus», unha iniciativa promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que percorrerá os sete campus universitarios galegos nos meses de setembro e outubro. O obxectivo é aumentar a participación da comunidade educativa e garantir o subministro de sangue, un recurso vital que require entre 400 e 500 doazóns diarias nos hospitais galegos.
A unidade móbil de doazón estacionada diante da Facultade de Enfermaría estará dispoñible para as doazóns entre as 10:00 e as 14:30, e de 15:30 a 21:00 horas. Ademais, instalouse unha mesa informativa onde se ofrece asesoramento sobre a doazón de medula ósea, unha modalidade que ADOS quere impulsar entre a poboación máis nova.
Na presentación da campaña estiveron presentes a directora de ADOS, Marisa López García, a decana da Facultade, Raquel Rodríguez González, e o reitor da USC, Antonio López, quen aproveitou a ocasión para doar sangue e animar ao estudantado a participar. O reitor destacou que a USC é a universidade galega coa maior participación nas campañas de doazón, acadando o 40% das doazóns universitarias. Durante o curso 2023-24, dos 4.219 estudantes que doaron sangue nos sete campus galegos, 1.651 foron da USC (1.257 en Santiago e 394 en Lugo).
Pola súa banda, Marisa López García agradeceu o apoio das tres universidades galegas a esta e outras campañas, destacando a importancia de continuar promovendo este acto solidario ao longo do curso académico.