A Xunta de Goberno aprobou hoxe o expediente de contratación para as obras de reparación e mellora dos parques infantís situados na praza de Vigo, praza de Galicia e Agros de Ramírez, cun orzamento base de licitación de 73.268,53 euros. Esta medida insírese no primeiro dos tres retos marcados polo Goberno municipal, que busca construír «unha mellor Compostela onde vivir». A voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, foi a encargada de dar conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.
Segundo informou Míriam Louzao, o expediente aprobado ten como obxectivo a licitación das actuacións urxentes de reparación en tres parques infantís da cidade. O orzamento total de 73.268,53 euros inclúe unha base impoñible de 60.552,50 € máis o IVE do 21%, que corresponde a 12.716,03 €. O procedemento de adxudicación dividirase en tres lotes: o primeiro para a intervención no parque infantil da praza de Vigo, cun importe de 24.881,23 euros (20.563,00 máis IVE de 4.318,23 €); o segundo para o parque da praza de Galicia, por 24.753,44 euros (21.092,72 € máis 3.660,72 €); e o terceiro para o parque de Agros de Ramírez, xunto á praza Roxa, cun orzamento de 27.294,58 € (22.557,50 € máis IVE de 4.737,08 €).
As obras contemplan actuacións de reparación e mantemento nos parques infantís máis concorridos do núcleo urbano, que son tamén os que sofren un maior desgaste. Entre os traballos previstos inclúense a limpeza, mellora do pavimento continuo, colocación de céspede artificial, substitución de pezas deterioradas dos elementos de xogo e labores menores de reaxuste e pintura.
A voceira destacou que esta iniciativa, que pon «as crianzas e o seu benestar» como prioridade, está aliñada co obxectivo do Goberno municipal de traballar nunha «Compostela Boa de vivir». Este é o primeiro dos tres retos presentados pola alcaldesa para o novo curso político, que estará marcado pola execución dos remanentes ata finais de ano e que terá unha cita política clave no outono co debate sobre o estado do concello. Ademais, Louzao recordou que o segundo reto do Goberno municipal céntrase en «continuar xerando oportunidades para o desenvolvemento económico» a través do apoio aos negocios locais e á diversificación económica. O terceiro reto pon o foco en «que a veciñanza sexa o centro das políticas municipais».