26 septiembre, 2024
O Pleno da Corporación municipal aprobou de maneira definitiva a nova Ordenanza de Circulación e Uso da Vía Pública, que actualiza a normativa vixente desde 2012. Este novo texto, que entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, ten como obxectivo avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible, priorizando os desprazamentos a pé e en bicicleta. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, destacou as numerosas novidades que se introducen para acadar este cambio de modelo.
A aprobación, que se produciu por unanimidade de todos os grupos políticos, pon fin a un proceso que se iniciou no anterior mandato, coa aprobación inicial da ordenanza en 2021. Durante o período de exposición pública, recibíronse 39 alegacións, das cales foron aceptadas 29. As modificacións incluídas reflicten a vontade de adaptar a normativa ás necesidades dos diferentes colectivos da cidade.
MOBILIDADE CICLISTA
Unha das principais apostas desta nova ordenanza é o fomento da mobilidade ciclista. As bicicletas poderán circular polas zonas peonís, incluíndo a Cidade Histórica, cunha velocidade máxima de 10 km/h, sempre que non haxa unha sinalización específica que o prohiba. Tamén se permitirá a circulación en dous sentidos en vías dun único sentido, cando estea indicado, e o uso de remolques para o transporte de persoas ou mercadorías. A normativa tamén contempla que, en ausencia de aparcamentos específicos, as bicicletas poderánse amarrar ao mobiliario urbano, agás en postes de iluminación, semáforos, bancos ou papeleiras.
Ademais, establécense novas regulacións para a circulación en grupo, o uso de remolques homologados, e as distancias mínimas de seguridade para adiantamentos doutros vehículos.
HORARIOS DE CARGA E DESCARGA
Outra das modificacións importantes recollidas na nova ordenanza afecta aos horarios de carga e descarga na Cidade Histórica. O novo horario amplíase ata as 10:00 horas, en lugar das 9:00 que se propuxeran inicialmente. Así mesmo, introdúcense franxas específicas para empresas de reparto de mochilas ou maletas (de 12:00 a 14:00 horas) e de mensaxería urxente (de 16:00 a 18:00 horas). No caso do reparto destinado á hostalería, tamén se permitirá realizar labores de carga e descarga os xoves en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas.
Para as motocicletas e bicicletas de reparto non haberá restricións horarias, mentres que os vehículos de máis de 3.500 kg necesitarán unha autorización especial.
OUTRAS NOVIDADES
A nova normativa tamén regula os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), como os patinetes eléctricos, que non poderán circular pola Cidade Histórica con fins turísticos. Así mesmo, introdúcense restricións para a circulación de vehículos de máis de 5,5 toneladas, agás no caso de transporte de madeira, leite, alimentos para gando, ou maquinaria agrícola nas zonas rurais.
Tamén se actualizan os límites de velocidade nas vías urbanas, que quedan fixados en 20 km/h nas rúas con plataforma única, 30 km/h nas de un só carril por sentido e 50 km/h nas vías con máis dun carril por sentido.