3 julio, 2024
O profesor emérito da Facultade de Matemáticas da USC, Alfredo Bermúdez de Castro, foi distinguido cunha das medallas da Real Sociedad Matemática Española (RSME) de 2024. Este galardón busca recoñecer publicamente a aquelas persoas que destacan polas súas continuas e relevantes contribucións nos diversos ámbitos das matemáticas, como a educación, a investigación, a transferencia e a divulgación, ao longo dun extenso período de tempo.
Actualmente profesor emérito da Universidade de Santiago e investigador vinculado ao Citmaga, Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela foi catedrático de Matemática Aplicada na USC. Segundo a RSME, desenvolveu unha brillante traxectoria na investigación, especialmente no desenvolvemento de métodos numéricos e modelos matemáticos, na docencia e na xestión universitaria e científica. Licenciado en Matemáticas en 1972 pola universidade compostelá, obtivo o doutoramento en 1974 nesta mesma universidade, onde desenvolveu a súa carreira profesional. Catedrático desde 1984, ocupou postos de responsabilidade na xestión da USC, sendo vicerreitor de Coordinación e Planificación (1984-1990) e director do departamento de Matemática Aplicada (1993-2004), do que foi fundador.
A propia RSME salienta que Bermúdez de Castro xogou «un papel clave» no establecemento de centros de investigación como o ITMATI, e de redes e sociedades españolas como SEMA, SEMNI ou math-in. Tamén serviu á sociedade en numerosas comisións e consellos científicos para entidades públicas e en consellos editoriais de diversas revistas, destacando tamén o seu papel pioneiro na transferencia da universidade á industria no ámbito das matemáticas en España. Asinou contratos de investigación con importantes empresas como Inespal, Endesa, Unión Fenosa, Ferroatlántica, Repsol e Reganosa, dando lugar a traballos matemáticos con variadas aplicacións, desde a mellora da xestión de augas residuais ata o deseño de plataformas flotantes.
Ademais das numerosas publicacións derivadas dos seus traballos, este liderou ademais desde o seu grupo de investigación a creación de software libre de amplo uso na industria e na investigación.