22 junio, 2024
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, participaron esta mañá no acto de apertura da Casa das Máquinas na rúa de Galeras, que se converte dende hoxe nun novo espazo dentro da rede de equipamentos socioculturais de Santiago. Ao acto asistiron tamén membros da corporación e representantes de diversas asociacións e colectivos, tanto do barrio de Galeras como do conxunto de Compostela.
Xan Duro explicou que a apertura da Casa das Máquinas tamén serviu para recuperar a memoria do barrio, aproveitando a rehabilitación do edificio como unha oportunidade para achegarse á súa historia. Este edificio representa a chegada da modernidade a Compostela e a feminización do traballo, áreas nas que Galeras tivo unha gran importancia. Encarna Otero Cepeda e Xoan Carmona Badía reflexionaron sobre estas cuestións nun coloquio sobre a historia do barrio e a súa vinculación co Sarela. O acto contou tamén coa animación do grupo Pistacatro.
A Casa das Máquinas empregaráse a partir de agora como centro sociocultural e acollerá actividades das diversas asociacións e colectivos do barrio de Galeras. Xan Duro agradeceu o traballo de todas as persoas e institucións que fixeron posible este novo equipamento, destacando a colaboración do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que contribuíu ao financiamento da súa rehabilitación. Duro explicou que a Casa das Máquinas estará ao servizo do barrio de Galeras e do tecido asociativo de Santiago, co compromiso do Concello de seguir dotándoa do equipamento e mobiliario necesarios para que este espazo sexa un referente na cidade e catalizador de múltiples propostas e iniciativas.
A alcaldesa Goretti Sanmartín lembrou a historia do edificio da Casa das Máquinas e destacou o papel da luz na historia de Santiago, desde as luces no monte Libredón ata o feito de que a actual facultade de Xeografía e Historia foi o primeiro edificio público iluminado en España cun arco voltaico. Tamén lembrou que o edificio foi construído pola Cooperativa Santiaguesa como reacción ao monopolio da electricidade.
Sanmartín subliñou que a Casa das Máquinas se suma a unha longa lista de edificios rehabilitados e postos ao servizo da veciñanza, como as antigas escolas de Figueiras, Laraño ou San Lourenzo, ou a vella estación de Cornes. Deu a benvida ao edificio de Galeras a unha nova etapa na que manterá a súa función de servizo público, acubillando á veciñanza e visitantes, como un espazo polivalente dedicado á cultura, á aprendizaxe e ao lecer colectivo.
Este edificio, un dos mellores exemplos da arquitectura industrial moderna de Santiago, foi incorporado nos anos oitenta ao primeiro catálogo de construcións protexidas fóra da cidade histórica. Mantiñose protexido nos PXOM de 1989 e 2007, cando o Concello adquiriu a propiedade, anteriormente pertencente a Unión Fenosa.
As obras de rehabilitación, realizadas en tres fases cun investimento de máis de 400.000 euros, contaron coa participación da Deputación da Coruña, que achegou algo máis de 200.000 euros.