As empresas de economía social xa poden solicitar as subvencións ofrecidas polo Concello de Santiago, tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 1 de outubro e a convocatoria conta cun orzamento total de 120.000 euros.
Estas axudas están destinadas a cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción que teñan iniciado a súa actividade o 1 de xaneiro de 2024 ou que a inicien dentro do período subvencionable, sempre que se manteñan en activo durante o ano en curso. Ademais, as empresas deben ter a súa sede social, fiscal e polo menos un centro de traballo no concello de Santiago.
O obxectivo destas subvencións é apoiar o desenvolvemento e consolidación do tecido empresarial local, axudando ás empresas de economía social a cubrir os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da súa actividade. Como novidade nesta convocatoria, introdúcese un novo criterio de valoración que terá en conta o impacto social, medioambiental e económico das empresas, o cal deberá estar reflectido na memoria empresarial presentada.
Serán considerados gastos subvencionables aqueles que se realicen e paguen entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 1 de outubro de 2024. A subvención máxima por beneficiario será de 5.000 euros e non poderá superar o 80% dos gastos subvencionables debidamente xustificados.
Estas axudas forman parte da estratexia do Concello de Santiago para fomentar a economía social, recoñecendo o seu papel clave na creación dun tecido empresarial máis sostible e inclusivo.