25 junio, 2024
Javier Ferreira, xerente da USC, presentou as Contas Anuais de 2023 na sesión do Consello de Goberno deste martes, destacando a estabilidade económica dos últimos oito anos grazas a políticas de aforro e contención do gasto corrente, un enfoque permite á institución cumprir cos pagamentos a provedores nunha media de 11 días, un prazo inferior ao legal e ao doutras administracións como a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, según sinalou esta.
Nesta liña, Ferreira apelou á prudencia debido á próxima finalización dos programas financiados polo Fondo de Resiliencia tras a pandemia da COVID-19, o que reducirá a captación de fondos para a investigación. Para mitigar este impacto, a Xerencia está optimizando os procedementos de contratación administrativa e simplificando os procesos de transferencia do coñecemento para facilitar a colaboración co tecido económico e produtivo.
Tamén se informou da previsión de reintegro de máis de once millóns de euros por parte da Axencia Tributaria debido a sentenzas do Tribunal Supremo sobre a dedución do IVE aplicado á investigación básica.
IINFRAESTRUTURAS E DESAFÍOS FUTUROS
A construción da nova Facultade de Farmacia é o principal reto de infraestruturas para os próximos anos, requirindo a colaboración da Xunta de Galicia. Nos últimos seis anos, a USC incrementou un 200% os recursos destinados á mellora das infraestruturas e á eficiencia enerxética.
PLAN ESTRATÉXICO 2024-26
O Plan Estratéxico para 2024-2026, aprobado polo Consello de Goberno, céntrase en oito eixes principais: estudantado e comunidade universitaria, formación e docencia, política de persoal, investigación e innovación, internacionalización, infraestruturas, transformación dixital e xestión eficiente dos recursos. Este plan responde ás novas directrices da lei orgánica 2/2023 do sistema universitario e establece obxectivos concretos para 2026.
NOVOS MESTRADOS E NORMATIVA DE TÍTULOS
A Universidade tamén aprobou tres novos mestrados para o curso 2025-2026: Xestión de Arte e Patrimonio Cultural, Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas (en colaboración coa Universidade de Vigo) e Materiais Avanzados (en colaboración con varias universidades españolas).
O Consello tamén validou unha modificación da normativa de admisión por cambio de universidade e recoñecemento parcial de estudos estranxeiros, facilitando a admisión daqueles que obteñan un mínimo de 30 ECTS na USC.
CÁTEDRA TELEVÉS
A institución contará coa Cátedra Televés de Microelectrónica, financiada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para abordar a crise de desabastecemento de semicondutores e a falta de persoal experto no deseño de circuítos integrados e dispositivos semicondutores.
PROFESORADO
O Consello de Goberno aprobou asignacións de quinquenios, complementos retributivos autonómicos, convocatorias de concursos de prazas de profesorado permanente e de titular de universidade, así como a reposición de prazas vacantes.
OUTROS ASUNTOS
Tamén se cubriron as vacantes do estudantado nas comisións delegadas do Consello de Goberno, se modificaron os Estatutos da Fundación USC e se actualizaron as tarifas da USC para o curso 2024-2025, mantendo sen incremento as do Servizo de Deportes.