10 octubre, 2024
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) reafirma o seu compromiso coa educación secundaria galega. O reitor, Antonio López, acompañado pola delegada para o Ensino Medio e coordinadora do Programa A Ponte, Maite Flores, mantivo este xoves unha xuntanza en Fonseca con representantes de 40 centros de ensino medio. O obxectivo foi fortalecer as relacións entre a universidade e os institutos, buscando facilitar que o estudantado poida decidir o seu futuro académico da mellor maneira.
Antonio López destacou a importancia de manter unha comunicación fluída cos centros de secundaria para «estreitar lazos e escoitar suxestións» que permitan mellorar o acceso á universidade. Pola súa banda, Maite Flores presentou as actividades do Programa A Ponte, que conecta a USC co ensino medio, e avanzou detalles sobre as vindeiras probas de acceso á universidade (PAU). A xuntanza repetirase o luns 14 de outubro no Edificio CACTUS de Lugo.
PROGRAMA A PONTE
O Programa A Ponte, en funcionamento dende o curso 2003-2004, continúa ampliando a súa oferta de actividades. Este ano, o programa inclúe 169 charlas temáticas impartidas por profesorado da USC, que achega a súa investigación ao estudantado da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior. Na edición anterior, 21.000 estudantes asistiron a estas charlas.
Ademais das visitas do profesorado aos centros educativos, o alumnado tamén ten a oportunidade de visitar as instalacións da USC, favorecendo un contacto directo coa oferta académica da universidade. Tamén se manteñen os Encontros virtuais na Zona USC, nos que estudantes e profesorado responden ás preguntas recibidas por videoconferencia.
Unha das iniciativas máis destacadas son as xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’, onde o estudantado pode explorar os diferentes centros universitarios e coñecer de primeira man os títulos nos que están interesados.