19 noviembre, 2025
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) dá un paso adiante na transparencia e o acceso á información legal coa incorporación da súa normativa consolidada ao portal Lex.gal, unha plataforma desenvolvida de forma conxunta pola USC, o Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Lex.gal é unha base de datos que recolle toda a lexislación da Comunidade Autónoma en galego, consolidada desde 1981, e que agora amplía os seus contidos coas normas máis relevantes da USC. Segundo explica a investigadora principal do proxecto, Diana Santiago, “con esta ferramenta viva e en permanente actualización ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispor dunha relación sistemática de textos consolidados coas normas vixentes máis relevantes da USC”.
Na nova sección web ‘Normativa da USC Consolidada’ pódense consultar as disposicións por ámbitos materiais, que inclúen Normativa xeral, Estudantado, Profesorado, PTXAS, Investigación e Transferencia, Contratación e Patrimonio, Xestión orzamentaria e Administración electrónica da USC. A iniciativa representa unha primeira selección normativa, que se irá ampliando progresivamente coas demais seccións e contidos.
Un dos principais atractivos do proxecto é a participación cidadá. Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida realizar achegas e comentarios, permitindo non só unha maior implicación da sociedade, senón tamén o perfeccionamento constante da plataforma. O obxectivo final é ofrecer códigos sectoriais nos que se sistematicen as normas máis relevantes por sectores da administración e ramas do dereito, coas opcións de consulta e descarga gratuíta, tamén desde dispositivos móbiles.
Deste xeito, a USC e Lex.gal consolidan un modelo de boa administración, participativo e transparente, no que a lexislación universitaria queda accesible para toda a cidadanía de maneira clara, actualizada e organizada.