A proba, que se celebra o 15 de xuño, será o broche final da campaña ambiental “Sementar, non contaminar”.
12 junio, 2025
A Carreira de Orientación do Ecobosque do Banquete de Conxo, que se celebrará este domingo 15 de xuño ás 11:00 horas, segue a sumar participantes a bo ritmo. Preto de 400 persoas xa confirmaron a súa inscrición, nunha actividade que combina deporte, natureza e conciencia ambiental.
A carreira forma parte da campaña “Sementar, non contaminar”, unha iniciativa que, ao longo das últimas semanas, mobilizou a máis de mil persoas en accións como obradoiros, limpezas colectivas, andainas e intervencións artísticas. O Ecobosque, situado nas inmediacións do río Sar, transformarase así nun espazo lúdico e educativo no que se promoverá o respecto pola contorna a través do deporte da orientación, unha disciplina que fomenta tanto o exercicio físico como a observación e o pensamento estratéxico.
A Carreira de Orientación está pensada para persoas de todas as idades, con tres percorridos adaptados e a posibilidade de participar de xeito individual ou en grupos de ata seis persoas. A inscrición é de balde e permanecerá aberta ata as 23:59 horas do venres 13 de xuño. Toda a información está dispoñible en banquetedeconxo.com e xestanatureza.com, e o formulario de inscrición pode cubrirse directamente neste enlace.
As persoas participantes poderán recoller a súa camiseta conmemorativa de forma anticipada no edificio Cersia de San Lázaro:
Venres 13 de xuño: de 16:30 a 20:30 h
Sábado 14 de xuño: de 10:00 a 14:00 h
Tamén se poderán retirar no propio día da carreira, na carpa da zona do mosaico do Banquete de Conxo, de 10:00 a 11:30 h. Para recollelas será necesario presentar o DNI ou xustificante de inscrición.
O proxecto Ecobosque busca recuperar e poñer en valor o río Sar e o espazo do Banquete de Conxo como lugar de saúde, benestar e educación ambiental. Conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.