20 octubre, 2025
O martes 21 de outubro, ás 20.00 horas, o Salón Teatro acollerá o concerto «Les Charmantes Invasions. A propósito de As Nacións e as batallas no Barroco francés», a cargo do conxunto Capela Compostelana, que regresa ao Festival Ateneo Barroco cun programa dedicado a François Couperin, Jean-Marie Leclair e Joseph Bodin de Boismortier. A formación contará coa participación de Carmen Ferreiro (traverso barroco), Francisco Luengo (viola da gamba e pardessus de viole), Xurxo Varela (viola da gamba) e Júlio Dias Galvão (clave).
O concerto propón unha viaxe sonora pola Francia do século XVIII, marcada polo diálogo entre o refinamento do gusto francés e a enerxía das formas italianas. Inspirado nas célebres Les Nations de Couperin, o programa explora o momento en que o «furacán italiano» comezaba a influír na música francesa, dando lugar a un estilo híbrido de extraordinaria beleza. Pezas de Leclair e Boismortier completan este percorrido por un repertorio que combina virtuosismo e elegancia, con especial protagonismo para dous instrumentos emblemáticos da época: o traverso barroco e o pardessus de viole, símbolo da resposta gala aos violíns italianos.
A Capela Compostelana, dirixida por Francisco Luengo, é unha das formacións pioneiras da interpretación historicista en Galicia, cunha traxectoria de máis de tres décadas e presenza en festivais de Europa e América. Acompáñaa nesta ocasión a frautista galega Carmen Ferreiro, recoñecida intérprete e profesora do Conservatorio Profesional de Santiago, especialista en repertorio barroco.