A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a XI Maker Faire Galicia nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; Natalia Barros, directora da Oficina Económica de Galicia; e María Parga, responsable de comunicación da Maker Faire Galicia.
9 junio, 2025
A Maker Faire Galicia celebra a súa XI edición mantendo o formato temático iniciado o pasado ano: tres xornadas diferenciadas que se desenvolverán en distintos espazos da cidade e abordarán áreas clave como o emprendemento social, a industria e os oficios tradicionais.
A primeira das citas terá lugar este sábado en Área Central, cunha intensa programación adicada ao emprendemento e á innovación social, pensada especialmente para familias, mocidade e colectivos con interese en transformar o mundo dende o local.
A presentación oficial do evento contou coa participación da concelleira María Rozas, quen destacou o apoio continuado do Concello desde a primeira edición, “promovendo un movemento maker que xa conta cun espazo pioneiro en Cornes”. Estivo acompañada por Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta; Natalia Barros, directora da Oficina Económica de Galicia; e María Parga, responsable de comunicación do evento.
Parga agradeceu a implicación das institucións e salientou o carácter “aberto, accesible e democratizador do coñecemento” que define á Maker Faire Galicia. “O novo modelo achega o evento a máis públicos e mestura creativamente a infancia, o profesorado, os emprendedores e o mundo maker”, engadiu.
A xornada do sábado, entre as 10:00 e as 20:00 horas, ofrecerá charlas, obradoiros, exposicións e máis de 45 proxectos que combinan tecnoloxía, creatividade, compromiso social e sustentabilidade.
Entre os temas das conferencias figuran a intelixencia artificial na educación, a inclusión laboral de persoas con diversidade funcional, o papel das mulleres na ciencia, a accesibilidade no xogo infantil ou a industria dos videoxogos.
Os obradoiros estarán repartidos en cinco zonas diferenciadas, con propostas de robótica con Lego, maxia, realidade virtual, cianotipia e ata Drone Soccer. A xornada tamén contará cun espazo de ludoteca permanente para a cativada.
Participarán centros e iniciativas como Vermislab, IES Sánchez Cantón, XuvenCiencia, Makergal 3D, FAB LAB Barcelona, Arkitas, Resib Labs ou Napalmadaman, entre outros, con proxectos sobre robótica, saúde, intelixencia artificial, impresión 3D, medio ambiente, accesibilidade e educación creativa.
As seguintes xornadas celebraranse na Casa das Máquinas: o 31 de outubro, centrada na industria e o tecido empresarial, e o 21 de novembro, dedicada aos oficios tradicionais e a cultura maker, reivindicando o valor da transmisión interxeracional de saberes.
A Maker Faire Galicia aposta por un modelo inclusivo e accesible: todas as charlas contarán con intérpretes de lingua de signos e os carteis dos proxectos estarán adaptados en braille, garantindo unha experiencia enriquecedora para todo tipo de públicos.
Con esta nova edición, a Maker Faire Galicia consolídase como evento de referencia en innovación, creatividade e tecnoloxía con impacto social, convertendo Santiago nun epicentro do talento maker.