10 noviembre, 2025
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Deputación da Coruña dan comezo hoxe, luns 10 de novembro, ao ciclo “Cinema baixo as bombas”, unha proposta que afonda na realidade dos conflitos bélicos actuais a través da mirada do cinema e da memoria visual.
A sesión inaugural terá lugar esta tarde, ás 20:00 horas, no Salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney de Santiago (rúa Alfredo Brañas, 5), coa proxección do documental Erasmus en Gaza, dirixido por Chiara Avesani e Matteo Delbò. A entrada é gratuíta ata completar aforo, previa reserva no correo info@fundacionaraguaney.org, cun máximo de dúas invitacións por persoa.
O ciclo, que se desenvolverá ata o xoves 13 de novembro, inclúe catro filmes —unha animación, unha ficción e dous documentais— que convidan a reflexionar sobre as guerras contemporáneas máis alá dos titulares, dando voz ás persoas e comunidades que resisten baixo o peso da violencia e a ocupación.
Erasmus en Gaza narra a historia real de Riccardo, un estudante de medicina italiano que decide marchar de Erasmus a Gaza para especializarse en cirurxía de guerra e escribir a súa tese. Para entrar na zona de conflito precisa o permiso de tres autoridades: o exército israelí, a Autoridade Palestina e Hamás. Xa en Gaza, enfróntase á presión constante e ao medo, pero tamén descobre amizade e esperanza entre a mocidade palestina.
A cinta foi recoñecida co DocsBarcelona Youth Jury Award no festival DocsBarcelona de 2022, e destaca polo seu retrato humano e valente da vida en Gaza. Os seus directores, Chiara Avesani e Matteo Delbò, son profesionais cunha ampla traxectoria no xornalismo e na produción audiovisual. Avesani traballou para a televisión italiana RAI e Delbò colaborou con medios como Al Jazeera e Sky News.
Paralelamente, a Fundación presenta na súa Galería de Arte a exposición fotográfica “Gaza: o eco dos esquecidos”, organizada pola Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas co apoio da Deputación da Coruña. A mostra reúne vinte imaxes de tres reporteiros gráficos gazatís —Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama— que documentan con crudeza a destrución, o sufrimento e a resistencia da poboación civil ante o silencio internacional.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de novembro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, ofrecendo ao público unha oportunidade para achegarse, a través da arte e do testemuño visual, á realidade dun conflito que continúa a sacudir conciencias en todo o mundo.