12 septiembre, 2024
A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebra o seu 50 aniversario cunha serie de actividades que buscan poñer en valor os fitos acadados ao longo de medio século de vida. O reitor da USC, Antonio López, destacou durante a presentación do programa conmemorativo que a Facultade naceu «na eclosión de facultades dos anos 70», un período de crecemento significativo para a institución. López estivo acompañado polo decano da Facultade, Elías Feijo, e a vicedecana de Cultura, Elsa González.
O decano Elías Feijo subliñou que a conmemoración deste aniversario non só busca recoñecer o pasado, senón tamén reflexionar sobre o futuro da Facultade e da universidade. «Unha universidade e unha facultade teñen que construírse coa memoria», afirmou, engadindo que a Facultade de Filoloxía conta cunha longa tradición na USC, remontándose á Universidade Literaria de séculos pasados. A Facultade actual, creada en febreiro de 1975, busca seguir sendo un referente no ensino e na investigación en linguas e literatura, con 23 grupos de investigación moi activos.
AMPLO PROGRAMA
A vicedecana Elsa González avanzou as liñas principais do programa conmemorativo, que incluirá unha serie de vídeos divulgativos sobre o traballo realizado no centro. Estes materiais, que se producirán en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación, terán como obxectivo mostrar á sociedade o impacto e a relevancia da Facultade ao longo destes 50 anos.
Ademais, está prevista a publicación dun libro conmemorativo que recollerá documentos e materiais históricos do centro, así como unha serie de conferencias protagonizadas por antigos decanos e decanas, que se realizarán mensualmente. A primeira delas será impartida por Ramón Lorenzo o vindeiro 23 de setembro. Tamén haberá encontros con ex alumnado da Facultade, que compartirán as súas experiencias e as posibles saídas profesionais no ámbito das filoloxías.
EXPOSICIÓNS E ACTIVIDADES
Entre as actividades culturais destaca a exposición fotográfica A Dança da Lua, do fotógrafo Sérgio Jacques, que reflicte a visita do escritor Urbano Tavares Rodrigues a Santiago en 1948. Esta mostra estará aberta ata o 20 de setembro e será seguida por outra exposición titulada ¿Encontraría a Julio Cortázar?… cuarenta años después, que se inaugurará o 26 de setembro na propia Facultade de Filoloxía.
No acto de presentación do programa tamén participaron membros do comité consultivo da Facultade, representantes das entidades colaboradoras e ex estudantes do centro, como a cantante Uxía Senlle.